Publicador de contidos
Publicador de contidos

"Os concellos somos os primeiros interesados en que haxa unha lei do solo, pero unha boa lei"

"Os concellos somos os primeiros interesados en que haxa unha lei do solo, pero unha boa lei"

A Federación Española de Municipios e Provincias pide negociar co Goberno a futura lei do solo ante a falta de apoios da proposta actual

A presidenta da FEMP considera que a proposta do Executivo "tampouco debe ser moi boa" ao non contar co voto a favor dos seus socios

María José García-Pelayo cre que o texto queda "curto" para garantir a seguridade xurídica dos procedementos urbanísticos e critica que os municipios non participen na elaboración dunha lei que "temos que aplicar os concellos"

G24.gal 24/05/2024 10:28

A presidenta da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), María José García-Pelayo, pide "consenso" e que se "escoite os concellos" na elaboración da futura lei do solo, despois de que o Goberno renunciara a presentar a súa propia norma ao non contar con apoios parlamentarios suficientes. Así o manifestou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega.

A tamén alcaldesa de Xerez da Fronteira, membro do Partido Popular, explica que desde a FEMP "vimos pedindo unha lei do solo que garanta todos os procedementos urbanísticos que teñen relación cos plans, pero o que non imos permitir baixo ningún concepto é que se nos impoña unha lei". Neste senso, considera que "non ten ningún sentido que unha lei que temos que aplicar os concellos se elabore sen contar cos concellos e moito menos que se aprobe sen escoitarnos".

García-Pelayo sinala que desde "o Goberno de España non houbo ningunha intención en ningún momento de reunirnos para traballar conxuntamente o contido desa lei e, evidentemente, nós o que non podemos é apoiar o que non consensuamos. O que pedimos é diálogo, consenso, e hai que ter en conta que a rexeitan ata os seus propios socios, así que a lei tampouco debe ser moi boa".

"Habendo diálogo os concellos somos os primeiros interesados en que haxa unha lei, pero tamén unha boa lei, non calquera lei, e, por suposto, no momento en que por parte do Goberno de España haxa vontade de negociar, sentaremos e negociaremos e estou segura que chegaremos ao mellor consenso posible, non para os alcaldes e alcaldesas, senón para os cidadáns, que é o que espera de nós, que fagamos leis pero que sexan boas esas leis", di.

Sobre o contido da norma elaborada polo Goberno, a presidenta da FEMP cre que "a proposta que se fai de seguridade xurídica é unha proposta que queda curta. Creo que a lei é pouco ambiciosa. Creo que hai que traballala con maior profundidade tecnicamente, pero tamén digo que non hai ningunha lei que non teña sempre un fondo ideolóxico ou político. A proba está en que os propios socios de Goberno, os que sentan no Consello de Ministros con Pedro Sánchez, e os que non pero o apoian, o que están trasladando é que é unha lei profundamente ideolóxica e que non comparten a posición ideolóxica desta lei".

María José García-Pelayo opina que "Pedro Sánchez meteu a pata. Pedro Sánchez trouxo unha lei sen negociar, que non gusta a ninguén. Pedro Sánchez o que ten é que tomar nota do erro que cometeu, que volveu a cometer porque xa ocorreu coa lei contra a prostitución. Errou porque el pensa que non é o que goberna, senón o que manda e que ten poderes absolutos e que pode facer e aprobar o que lle dea a gana e eu creo que o que fixeron as Cortes [Xerais] e pararlle os pés e, por outro lado, desde a Federación [Española de Municipios e Provincias] o que pedimos é consenso".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade