A Festa do Polbo do Carballiño, declarada de Interese Turístico Internacional
A Festa do Polbo do Carballiño, declarada de Interese Turístico Internacional
A festa gastronómica estreará este recoñecemento o próximo mes de agosto, cando celebren a súa 60 edición
A Secretaría de Estado de Turismo do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo comunicou ao alcalde do Carballiño a decisión de conceder á Festa do Polbo do Carballiño a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.
Así o informou o Concello do Carballiño a través das súas redes sociais, en que concreta que esta decisión foi dada a coñecer polo propio organismo do Goberno de España a través de Twitter.
🐙 Hemos declarado A Festa do Pulpo do Carballiño de Interés Turístico Internacional.
— SECRETARÍA DE ESTADO DE TURISMO (@TurismoEspGob) July 6, 2022
Considerada cuna de la tradición pulpeira, O Carballiño celebra esta romería cada segundo domingo de agosto en un marco natural incomparable.
Nosotros nos hemos ido metiendo en el ambiente... pic.twitter.com/DorcSsE5E6
O concello, pola súa parte, destacou o "orgullo" que supón este recoñecemento que "produce efecto" despois do esforzo realizado nos últimos anos para poder cumprir os requisitos desta declaración.
Ademais, mostrou o seu agradecemento ao secretario de turismo, ao Goberno de España e á Xunta pola súa colaboración á hora de poder obter esta declaración.
Nesa publicación do concello no seu perfil de Facebook, xa anuncian que a celebración da edición 60, prevista para este mes de agosto, tras dous anos en que non se puido celebrar, estreará este recoñecemento.
Segundo explican, a Festa do Polbo é "unha das maiores manifestacións gastronómicas de Galicia e España" e, a partir de agora, "tamén do mundo".
Manuel Dacal, concelleiro de Turismo, asegurou que o recoñecemento "vai supoñer moitísimo", pola repercusión que terá noutros países. Galicia e O Carballiño "están na elite", dixo, "e o que nos queda é manter o prestixio e estar á altura".