A Fiscalía de Venezuela emite unha orde de arresto contra Juan Guaidó
A Fiscalía de Venezuela emite unha orde de arresto contra Juan Guaidó
Acusa o líder opositor, exiliado nos EUA, do desfalco de 9.000 millóns de dólares cando exercía como presidente interino venezolano
O fiscal xeral de Venezuela, Tarek William Saab, anunciou este xoves que o Ministerio Público emitiu unha orde de arresto contra o expresidente do Parlamento Juan Guaidó, exiliado nos Estados Unidos desde abril, a quen acusa de varios delitos, entre eles lexitimación de capitais.
Nunha declaración ante xornalistas, Saab explicou que, ademais de ditar a orde de aprehensión, tres fiscais designados para o caso farán "a respectiva solicitude de alerta vermella a Interpol para que este suxeito pague por estes delitos".
Guaidó, un opositor que presidiu o chamado "Goberno interino" de Venezuela, que foi recoñecido polos Estados Unidos e outros países entre xaneiro de 2019 e finais de 2022, tamén é acusado por traizón á patria, usurpación de funcións, proveito ou distracción de diñeiro, valores ou bens públicos e asociación.
"Utilizando a figura dun goberno ficticio, causou perdas ao Estado venezolano", dixo o fiscal, que estima en 19.000 millóns de dólares (uns 18.012 millóns de euros) o monto desfalcado polo antichavista.
O funcionario citou unha "sentenza" dunha corte no país norteamericano que, segundo dixo, indica que o exdeputado "accedeu aos activos das filiais de Pdvsa (a petroleira estatal) nos Estados Unidos e utilizounos para financiarse".
Por iso, Saab espera que, "mediante a cooperación penal internacional, este suxeito lle sexa entregado ao país" caribeño.
O Ministerio Público abriu 23 investigacións a Guaidó por supostos delitos cometidos no "Goberno interino" e outras cinco causas relacionadas cunha empresa venezolana en Colombia, pero nunca falou dunha orde de arresto na súa contra, ata hoxe.