A Fiscalía oponse a suspender a pena de cárcere de Griñán polo caso ERE
A Fiscalía oponse a suspender a pena de cárcere de Griñán polo caso ERE
O expresidente andaluz terá que ingresar en prisión se a Audiencia Provincial de Sevilla atende a opinión do Ministerio Fiscal
O presidente do Goberno reitera o respecto do Executivo aos procedementos xudiciais
A Fiscalía Anticorrupción pide que se execute a pena de seis anos de cárcere por malversación e prevaricación imposta ao ex-presidente andaluz José Antonio Griñán.
Responde así ao reclamo da Audiencia de Sevilla para que o ministerio público e as acusacións se pronunciaran sobre se debía suspender ou non a execución das penas aos condenados polos ERE.
Anticorrupción pide o ingreso en prisión de Griñán e a execución da sentenza dos outros oito ex-altos cargos sen esperar a que se resolvan as peticións de indulto solicitadas ao Goberno.
Considera que non hai precedentes legais. Tamén que os delitos son suficientemente graves e as penas o suficientemente longas como para afectar a unha posible concesión posterior de indulto.
Non se sabe se a Audiencia de Sevilla decidirá cando teña o posicionamento de todas as partes ou se vai agardar a que o Supremo resolva o incidente de nulidade presentado pola defensa de Griñán.
O Tribunal Supremo confirmou en setembro as condenas, pero dous dos cinco maxistrados consideraron que non había probas sólidas para condenar o ex-dirixente socialista polo delito de malversación que é o que implica penas de cárcere.
Sánchez di que o Goberno respecta os procedementos xudiciais
O xefe do Goberno español, Pedro Sánchez, reiterou este venres o seu pleno respecto aos procedementos xudiciais ante a situación do expresidente andaluz José Antonio Griñán, sen aclarar se ten intención de concederlle o indulto.
"Respecto aos procedementos xudiciais. Xa saben cal é a miña posición, manifesteina en reiteradas ocasións", sinalou.
Sánchez veu explicando ante o posible indulto que o Goberno respectará o trámite dos procedementos, que a decisión será acorde coa lei e que se adoptará con absoluta transparencia.