Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Fiscalía pide imputar altos cargos do Ministerio de Transportes polo caso Koldo

A Fiscalía pide imputar altos cargos do Ministerio de Transportes polo caso Koldo

Trátase do subsecretario de Transportes dun alto cargo do ADIF e do exsecretario xeral de Portos do Estado

Armengol e Pardo de Vera defenden a legalidade dos contratos das máscaras nas comisión de investigación

Imaxe de arquivo Imaxe de arquivo
G24.gal 31/05/2024 17:30

A Fiscalía Anticorrupción pediu a imputación de dous altos cargos do Ministerio de Transportes no coñecido como caso Koldo, en que se investiga a adxudicación dunha serie de contratos de máscaras en plena pandemia.

Nun escrito datado o 29 de maio, ao que tivo acceso EFE este venres, o fiscal Luis Pastor solicita ao xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno que cite en calidade de investigados ao subsecretario de Transportes, Jesús Manuel Gómez; ao alto cargo de ADIF Michaux Miranda e ao ex secretario xeral de Portos do Estado Álvaro Sánchez Manzanares.

O escrito do fiscal está datado un día antes de que a Fiscalía Europea decidise asumir a investigación do caso, unha decisión á que se vai opoñer Anticorrupción.

No caso de que o xuíz tampouco estea de acordo con que a Fiscalía Europea asuma a causa, pode expor unha cuestión de competencia ante o Tribunal Supremo e que sexa este o que decida quen investiga o caso.

Armengol e Pardo de Vera defenden a legalidade dos contratos

A presidenta do Congreso, Francina Armengol, afirmou que cando presidía o Govern balear non tivo ningún coñecemento da compra de máscaras por 3,7 millóns de euros á empresa Soluciones de Gestión nin de que esa adquisición era investigada pola xustiza. "Nin me decatei de que viñera a Garda Civil", asegurou.

Armengol compareceu este venres na comisión de investigación do Parlamento balear, onde puxo o acento en que PP e Vox están a utilizar ese órgano "para tentar destruír o adversario político", nas vésperas das eleccións europeas, manipulando a realidade sobre un contrato que levou a cabo con criterios técnicos e pasou todos os filtros de supervisión.

Perante as preguntas dos portavoces dos grupos parlamentarios das illas, a actual presidenta do Congreso insistiu en que ela non estaba ao tanto dos detalles da adquisición de material sanitario durante a pandemia de covid-19 e non foi informada de que no verán de 2022 a Garda Civil requiriu o expediente de compra das máscaras ao Servizo de Saúde a pedimento da Fiscalía Anticorrupción.

Como xa explicou cando declarou diante da comisión do Congreso, Armengol admitiu que falou con Koldo García, o asesor do exministro José Luis Ábalos investigado pola Audiencia Nacional, pero negou que se reunise ou falase xamais con el sobre o contrato de material sanitario

"Ninguén deu ordes ou meteu presión para que se comprase"

"Ninguén deu ordes ou meteu presión para que se comprase" a partida de case 1,5 millóns de máscaras a Soluciones de Gestión, remarcou a expresidenta, quen aludiu á súa sucesora, Marga Prohens, para reprocharlle que insinuase no Congreso a "mentira" de que ela se reuniu con Koldo García na sede da presidencia do Govern, o Consolat de Mar.

Tamén se referiu ao actual executivo do PP para censurar que deixase caducar a reclamación do sobreprezo pago polas máscaras porque eran de peor calidade que o contratado, aínda que defendeu, con todo, que si servían para a función para a que foron adquiridas: "Como stock de seguridade para a desescalada".

En consonancia co portavoz socialista, Iago Negueruela, Armengol lamentou que PP e Vox programasen a aprobación das conclusións da comisión a dous días das eleccións europeas e sen que compareza nin Prohens nin o propio Koldo García, a quen non se logrou localizar.

"Querer saber a verdade e apuntar só á metade é un insulto á intelixencia", incidiu a líder do PSOE de Baleares.

A deputada do PP Marga Durán cuestionou o descoñecemento de Armengol dos detalles do contrato coa empresa ligada a Koldo García e reprochou ao PSOE que critique o uso político do caso cando presentou unha denuncia contra o actual director do Servizo de Saúde, Javier Ureña.

En nome de Vox, a súa presidenta en Baleares, Patricia das Heras, rebateu que as máscaras se comprasen para uso civil, como sostivo Armengol, e criticou que o Govern ocultase á Garda Civil que o material adquirido era de peor calidade do que se pagou.

O portavoz de Més per Mallorca, Lluís Apesteguia, coincidiu coa comparecente en defender o traballo que o seu executivo e os funcionarios da Comunidade realizaron durante a pandemia e mostrou a súa estrañeza por que o entón director do Servizo de Saúde, Manuel Palomino, non informase da investigación de Anticorrupción nin a presidenta nin a conselleira Patricia Gómez, a súa esposa. 

Pardo de Vera declara no Senado que cumpriron "estritamente" as normas e que "a legalidade era escrupulosa" e lamenta o trato "como delincuentes"

Así mesmo, Armengol comparecerá na comisión de investigación do caso Koldo no Senado o venres 7 de xuño, o último día da campaña electoral para os comicios europeos. 

Na xornada de hoxe compareceu na Cámara Alta Isabel Pardo de Vera, exsecretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Pardo de Vera, quen en 2020 presidía Adif e asinou contratos de adquisición de máscaras, asegurou na súa declaración que cumpriron "estritamente" as normas e que "a legalidade era escrupulosa" a pesar da situación de emerxencia en pandemia.

Pardo de Vera foi este venres a décimo terceira comparecente na comisión de investigación do caso Koldo no Senado.

Non se limitou a explicar como foi a contratación naquelas datas, senón que refutou cada insinuación sobre corrupción que lle fixeron o senador do PP Luis Santamaría e a senadora de Vox Paloma Gómez.

A expresidenta de Adif lamentou o trato "como delincuentes" dado aos comparecentes e por iso, de forma reiterada, interveu cada vez que escoitaba, especialmente a Santamaría, facer afirmacións ou conxecturas coma se a presunta trama de corrupción existise.

Lamentou que a súa declaración como testemuña perante a UCO da Garda Civil fose divulgada en prensa cando ela non recibiu o texto e asegurou que se descontextualizou a súa referencia a que tivo presións polo entón ministro de Transportes, José Luis Ábalos, e o seu asesor Koldo García para asinar o contrato con Soluciones de Gestión.

A presión, segundo as súas explicacións, non era para asinar con esa empresa en concreto, senón pola présa por adquirir o material sanitario no contexto do confinamento pola pandemia e nun ministerio con miles de traballadores dos que eran considerados esenciais.

"A presión estaba autoimposta pola situación", recalcou, e indicou que Koldo "de carácter xa é unha persoa insistente", pero ademais entendía que apremase ás contratacións para que "os avións non volvesen baleiros" da China.

Do contrato con Soluciones de Gestión, para traer da China cinco millóns de máscaras por 12,5 millóns de euros, destacou que se cumpriu integramente tanto en prazo como na calidade do material, e que foi a empresa elixida porque as demais consultadas non tiñan naqueles días capacidade de cumprir co encargo.

Ábalos derivou as compras a Adif e Portos do Estado porque facer o trámite directamente polo ministerio tería sido máis lento, ao requirir intervención e retención de crédito, entre outros pasos, mentres que no seu caso abondaba con tesourería.

Pardo de Vera non só interrompeu cada vez que escoitaba insinuacións sobre corrupción, senón que tamén se encarou cando os senadores sospeitaban da súa ignorancia sobre os asuntos dos seus subordinados.

Así, cando Gómez indicou que ela estaba "fóra de xogo" sobre as contratacións, espetoulle: "Non me falte ao respecto, vostede non ten nin idea do que é presidir unha empresa como Adif".

E cando Santamaría lle dixo que parecía elixir "o camiño da ignorancia" como Ábalos, Pardo de Vera replicou que se a presidenta dunha empresa de 12.000 empregados atendese a tales cuestións menores, faría "abandono de funcións" das súas competencias.

"Soliviántome perante a mentira", salientou a expresidenta de Adif ao senador do PP cando lle pediu que non se alterase, así como se queixou de que os comparecentes teñan o deber de dicir a verdade e os senadores que lles interrogan non.

Tamén lle dixo ao senador do PP que nas súas preguntas mostraba un profundo descoñecemento de como funciona a administración, algo que como parlamentario debería coñecer.

O empresario Víctor de Aldama, segundo relatou, coñecíao de velo asiduamente no ministerio, pero nunca tiveron reunións profesionais.

O senador do PSOE Alfonso Gil Invernón anunciou que os servizos xurídicos do seu grupo parlamentario están a estudar se os senadores do PP "están a incorrer nun posible delito" cando desvelan informes que están baixo secreto de sumario xudicial

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade