Publicador de contidos
Publicador de contidos

A fortaleza da economía social galega, por Maite Cancelo

OPINIÓN

A fortaleza da economía social galega, por Maite Cancelo

G24.gal 15/12/2023 09:27

O Centro de Estudos Cooperativos de Galicia (CECOOP) da Universidade de Santiago de Compostela publicou esta semana o seu último informe sobre a Economía Social en Galicia, respondendo así a unha das demandas do Plan de Acción Europeo da Economía Social aprobado pola Comisión Europea en decembro de 2021.

O estudo analiza as entidades da economía social de mercado: cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego, empresas de inserción, mutuas e mutualidades, confrarías de pescadores, sociedades agrarias de transformación e comunidades e mancomunidades de montes veciñais en man común.

Como datos máis relevantes podemos destacar as 142 novas cooperativas que se crearon en Galicia durante o ano 2022, acadando así un novo máximo histórico; as 24 novas sociedades laborais que nos sitúan como a terceira comunidade autónoma en constitución destas sociedades, e os sete novos centros especiais de emprego.

Se analizamos a foto destas entidades, esta sitúanos como unha comunidade dinámica no ámbito da economía social, xa que se contabilizan máis de 6.000 entidades que operan no territorio e moitas delas desenvolven a súa actividade económica no ámbito rural.

No estudo tamén se recolle un capítulo para salientar as empresas máis representativas que tiran do crecemento destas entidades en Galicia; son COREN e CLUN as que se atopan nas primeiras 50 cooperativas do ránking que publica CEPES (a patronal da Economía Social en España). Coregal sitúase no posto 25 dos Centros Especiais de Emprego españois e Cormo Integral no número 15 das Empresas de Inserción. Nese ránking tamén podemos atopar a Properdis, Servicios Comerciales de Inserción laboral ou a Arroupa Santiago.

Esta sección compleméntase cunha análise do panorama futuro da economía social galega no contexto nacional e recóllese, por unha banda, a análise DAFO recollida na Estratexía Española da Economía Social 2021-27 e cales destes aspectos son máis relevantes na nosa comunidade autónoma, pero tamén as vantaxes relativas galegas no contexto español como son:

A estabilidade e integralidade das políticas de fomento da economía social do goberno Galego, xa que temos lexislación propia, cunha política neste ámbito que engloba todas as entidades do sector; temos unha estratexia propia que se está a renovar de forma transversal e implica a todo o goberno da Xunta de Galicia e vincula as accións co fomento do emprendemento a través de asesoramento e de financiamento das novas iniciativas neste ámbito.

Temos un ecosistema consolidado que favorece o emprendemento e neste sentido hai que salientar o papel da Rede Eusumo, que constitúe un instrumento de colaboración público-privada con excelentes resultados e impactos na economía social galega.

Ademais, temos un sector vertebrado territorialmente por familias e conectado no ámbito estatal. De feito, as cinco principais familias da economía social galega (cooperativismo agrario e do traballo, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción) conforman o Foro Galego da Economía Social (integrado en CEPES), que se constitúe como o principal interlocutor e, polo tanto, a voz do sector ante as diferentes administracións.

Para finalizar, non podemos esquecernos da grande oportunidade que o PERTE da economía social e dos coidados, con máis de 800 millóns de euros de dotación orzamentaria, pode supoñer para a posta en marcha de novos proxectos empresariais na nosa comunidade autónoma.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade