A Fundación ANAR constata unha repunta de suicidios de menores
A Fundación ANAR constata unha repunta de suicidios de menores
Na última década a organización atendeu máis de nove mil seiscentos casos en adolescentes, o trinta por cento xa tiña iniciado o procedemento para materializar o suicidio cando solicitou esa axuda
Ana Díaz dirixe as liñas de axuda de ANAR, salienta que o suicidio nunca debe ser percibido como un acto "heroico"
Dez meses despois da implantación do 024, o teléfono de axuda ao suicidio en España recibiu máis de 93.000 chamadas. O trinta por cento destas chamadas corresponden a menores de 30 anos, o que nos leva a focalizar a abordaxe desta problemática no caso dos máis novos.
Falamos este venres no Galicia por diante con Ana Díaz, directora das liñas de axuda de ANAR.
A Fundación ANAR traballa desde o ano 1994 na detección e prevención do suicidio en menores. Desde entón ata agora, recibiu máis de seis millóns de peticións de axuda.
Atendeu máis de nove mil seiscentos casos de adolescentes na última década, o 63 por cento corresponden aos anos da pandemia.
Ana Díaz, directora das liñas de axuda da Fundación, explica que nunca existe unha soa causa que motive esta idea.
"É importantísimo falar da conduta suicida, non ten que ser un tema tabú. Nunca existe un só motivo que leva ó suicidio. É multicausal e multifactorial. Hai que ser moi coidadoso coa información que se dá. Non pode ser percibido en ningún caso como un acto heroico", explica.
A responsable de ANAR insiste en que nunca existe un só motivo tras o suicidio en menores, tampouco un único factor. A influencia das novas tecnoloxías é un deles, pero tamén o clima de tensión ou violencia que nalgúns destes casos se vive dentro das propias casas.
Para abordar o problema, aclara a responsable da organización, o fundamental é abrir o diálogo cos rapaces.
"Cómpre lexitimar os estados emocionais dos adolescentes, escoitalos, acompañalos, comprendelos. Moitos cando nos chaman comentan que pediron axuda e non percibiron esa proximidade nas súas familias. É necesario abrirse ao diálogo sen rifar, e moitas veces rebaixar o clima de tensión nas casas".
Díaz remitiu ás recomendacións da OMS e pediu suma cautela no tratamento informativo do suicidio. Entre elas, evitar empregar cualificativos que describan a conduta como unha saída fácil, rápida ou acto heroico. Evitar ofrecer detalles de lugares, métodos ou relato das escenas. Tampouco achegar información de carácter persoal, como cartas de despedida ou fotografías.
"Cómpre evitar dar detalles de lugares, métodos ou datos persoais que non achegan nada. No canto, cómpre buscar exemplos das persoas que si superaron o problema, facendo fincapé nos recursos empregados para conseguilo".
ANAR conta con dúas liñas de axuda: a 900202010, un teléfono de balde e confidencial onde un equipo especializado atende directamente os menores que requiran esa axuda, e 600505152, que poden empregar as familias.