A Garda Civil busca os propietarios de centos de xoias roubadas
A Garda Civil busca os propietarios de centos de xoias roubadas
Os roubos cometéronse en vivendas unifamiliares da provincia da Coruña
Os investigadores cren que levan operando nesta zona dende mediados de abril
A Garda Civil solicita a colaboración cidadá para dar cos propietarios de centos de obxectos roubados en vivendas unifamiliares da área da Coruña.
Entre o material roubado hai unha gran cantidade de xoias de ouro, reloxos de gama alta, perfumes e ata pequenos electrodomésticos. Foron incautados a dous homes detidos en Becerreá como presuntos autores de varios roubos con forza en casas de Bergondo, Oleiros, Sada, Melide, Carballo e Miño. Sobre un deles pesaba unha orde europea de detención por delitos similares en Romanía.
Os detidos desprazábanse dende Madrid en vehículos alugados e realizaban campañas de varios días por localidades da provincia da Coruña. Os obxectivos preferidos deste grupo criminal eran vivendas unifamiliares situadas en zonas illadas. Aproveitaban para asaltar os domicilios cando os propietarios non estaban no interior e eran moi coidadosos para non deixar rastro.
Durante a investigación, o equipo de Patrimonio da Garda Civil tamén interceptou un paquete con numeroso material roubado. A maior parte xa foi devolto aos seus lexítimos donos, pero aínda hai unha gran cantidade de xoias que permanecen baixo custodia policial.
Se residen nunha casa unifamiliar e sufriron un roubo no último mes e medio ou se identifican algún dos obxectos que aparecen nas imaxes, póñanse en contacto coa Garda Civil.