A Garda Civil comisa 7.010 quilos de sardiña pescada nunha zona prohibida en Laxe
A Garda Civil comisa 7.010 quilos de sardiña pescada nunha zona prohibida en Laxe
Os dous barcos cometeron, presuntamente, infraccións por exercer labores extractivos nunha zona en que non están permitidos e, ademais, por pasar a cota diaria de capturas
Os feitos ocorreron cando axentes do Servizo Marítimo observaron como introducían a bordo dunha embarcación de pesca parte das capturas procedentes dunha rede situada nun anexo da ría de Corme, zona en que está prohibida a actividade pesqueira.
A embarcación permaneceu na zona, achegándose á mesma outro pesqueiro, ao que subiron a bordo o resto de capturas da rede, tras o que os dous barcos se separaron e abandonaron o lugar.
Unha vez atracados no porto de Laxe, os pesqueiros procederon á súa descarga, o primeiro 3.636 quilos de sardiña e o segundo un total de 3.374 quilos.
A Garda Civil procedeu ao comiso da totalidade das capturas descargadas de ambos os barcos por realizarse nunha zona prohibida, así como á confección das pertinentes denuncias por presuntas infraccións por exercer labores extractivos nunha zona en que non están permitidos e, ademais, pasar a cota diaria de capturas, establecida en 3.200 quilos.
As sardiñas foron entregadas ao Banco de Alimentos Rías Altas.