Chamamento da Garda Civil para participar na busca de Óscar García en Teo
O home, de 62 anos, foi visto por ultima vez o 29 de marzo no lugar de Cepeda
O operativo volve rastrexar zonas próximas á vivenda onde xa buscara días atrás
Once días despois segue sen haber rastro do paradoiro de Óscar García, o veciño de Teo de 62 anos que foi visto por ultima vez cando saía da súa casa no lugar de Cepeda. A busca vaise centrar hoxe nunha zona próxima á vivenda que xa se rastrexou días atrás.
“É a zona que está no lugar da Ramallosa, nos montes dos arredores. Dependendo do número de voluntarios iremos estendendo a zona, e iremos abarcando zonas cara ao leste, que é unha zona que nos queda por rastrexar máis exhaustivamente”, explica José Rivero Zobra, capitán da Garda Civil de Santiago.
Divididos en grupos, baixo a coordinación da Garda Civil, os voluntarios rastrexan tamén nos arredores do cemiterio de Rarís, a uns 5 quilómetros da vivenda de Óscar García. Algúns levan participando no operativo de busca desde o primeiro día.
“Desde que saltou a noticia, incorporámonos á busca e estivemos rastrexando toda esta zona". "Son 11 días con tódolos medios e aínda hai que seguir remando”, din dous voluntarios que participan na busca.
O día da súa desaparición, Óscar García quedara para comer coa súa familia en Santiago, pero non se presentou. Na casa deixou o teléfono móbil, a carteira coa documentación, as lentes e as chaves do coche dentro do vehículo.
A pesar de que a busca non deu polo momento ningún resultado, a familia mantén a esperanza de atopalo con vida.
“Hai que ter criterio, loita e esperanza de que está vivo e el non marchou polo seu propio pé”, asegura Nuria Pereira, muller de Óscar García.
A Garda Civil non descarta ningunha hipótese sobre a desaparición. A busca vai continuar con outras dúas quendas de batida pola tarde e vaise ampliar ata o concello veciño de Vedra.