Investigan o incendio nunha casa deshabitada en Cabana de Bergantiños
Investigan o incendio nunha casa deshabitada en Cabana de Bergantiños
Unha muller ingresou no CHUAC con queimaduras no 80 % do corpo
Segundo efectivos de urxencias, había un forte cheiro a combustible
Os donos comprobaban na tarde deste venres os danos na súa vivenda, situada no lugar do Penedo da parroquia de Cesullas, en Cabana de Bergantiños. O lume comezou de madrugada afectando sobre todo ao tellado e o baixo cuberta. Foron os veciños quen deron a voz de alarma tras escoitar un forte estourido e tamén os berros dunha persoa pedindo auxilio á que, din, non puideron ver porque en cuestións de minutos xa fuxira do lugar.
Ata o lugar desprazáronse efectivos do Grupo de Emerxencias de Ponteceso e dos bombeiros de Carballo que lograron sufocar as lapas. Nas proximidades do lugar, os servizos sanitarios do 061 tiveron que atender a unha muller que foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña con queimaduras no 80% do seu corpo.
Durante os labores de extinción os equipos de urxencias, segundo informou o 112, confirmaron que na vivenda había un forte cheiro a combustible. Este feito xunto a que a vivenda estaba deshabitada, xa que os seus propietarios aínda estaban a amañala, levou á Garda Civil a abrir unha investigación para tratar de esclarecer as causas do lume así como a posible relación da muller ferida coa casa que ardeu.
Os actuais propietarios adquiriron a casa recentemente nunha poxa froito do embargo aos anteriores donos.