A gasolina despide 2023 co prezo máis baixo en case dous anos
A gasolina despide 2023 co prezo máis baixo en case dous anos
Segundo os datos do Boletín Petroleiro da UE, a gasolina abaratouse case un 15 % nos últimos tres meses
Malia o descenso, encher o depósito é máis caro ca o ano pasado porque xa non hai descontos estatais
A gasolina despide o 2023 co prezo medio máis baixo de todo o ano. Custa de media 1,53 euros o litro. Segundo os datos do Boletín Petroleiro da UE, abaratouse case un 15 % nos últimos tres meses. É o prezo máis baixo en case dous anos.
O diésel custa de media 1,49 euros, o prezo máis baixo desde finais de xullo. Desde que comezou o 2023 abaratouse máis dun 10 %.
Malia estes descensos, encher o depósito hoxe custa uns 8 euros máis que nas mesmas datas de 2022, no caso da gasolina, e arredor de 3 euros máis no caso do gasóleo.
O motivo é que daquela aínda estaba en vigor o desconto de 20 céntimos por litro aprobado polo Goberno para combater a suba de prezos provocada pola guerra en Ucraína.
Cos prezos actuais, encher un depósito mediano de 55 litros custa arredor de 84 euros, se é de gasolina, e uns 82 euros no caso do diésel.