Publicador de contidos
Publicador de contidos

A gripe A deixa xa 1.300 ingresados, 70 pacientes na UCI e 19 falecidos en Galicia

A gripe A deixa xa 1.300 ingresados, 70 pacientes na UCI e 19 falecidos en Galicia

A incidencia aumentou arredor dun 33 % na última semana e as urxencias reséntense dos picos de demanda

O pico espérase para mediados de xaneiro

G24.gal 28/12/2023 14:05

Os contactos propios das festas de Nadal xa se fan notar nos contaxios de virus respiratorios. E tamén nas urxencias dos hospitais galegos, que están estes días saturadas polos picos de demanda que provoca a gripe.

As autoridades piden prevención porque a onda epidémica segue medrando: tanto pola taxa de consultas como polas probas de microbioloxía calcúlase que a incidencia da gripe aumentou arredor dun 33 % na última semana.

No que vai de temporada, segundo os datos que facilita hoxe o Sergas, xa houbo máis de 1.300 ingresos hospitalarios de persoas co virus da gripe A. Deses doentes, 70 acabaron na UCI e 58 faleceron, e considérase que 19 deles morreron por causa da gripe.

A vacina deste ano aínda pode poñerse ata o 12 de xaneiro, con cita previa, en hospitais e centros de atención primaria. É para catro variantes, incluída a da gripe A, que é a que máis circula agora. Da súa efectividade dá constancia un dato: que a maioría dos que acoden á consulta por gripe aos centros de saúde son menores de 65.

"O grupo de maiores de 65 anos é o grupo onde hai maior cobertura vacinal, e estamos observando que hai menor taxa de consultas, aínda que hai unha maior taxa de hospitalización, obvio polo grupo de idade que é, porque son máis vulnerables", explica o responsable do servizo de Inmunoloxía do CHUS, José Gómez Rial.

No caso dos nenos menores de 5 anos, as coberturas vacinais están aínda nun 50 %.

Para limitar os contaxios, os médicos piden que lembremos o aprendido na pandemia. 

"É o momento de recuperar o uso da máscara, pódenos evitar contaxiarnos e contaxiar os demais, especialmente se imos ir a sitios pechados, mal ventilados e con persoas vulnerables. Cando se acode aos servizos de urxencias é obrigatorio", explica o inmunólogo Gómez Rial.

Os mellores datos chegan grazas á vacina contra o virus sincitial, que reduciu drastricamente os ingresos de nenos por bronquiolite.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade