O virus da gripe aínda non chegou á curva de ascenso en Galicia

A día de hoxe hai dezaoito persoas ingresadas por gripe e 37 por covid

Insístese na importancia da vacina entre as persoas máis vulnerables

As unidades pediátricas animan a vacinar a poboación menor de cinco anos

G24.gal 11/11/2023 13:19 Última actualización 11/11/2023 13:59

A día de hoxe hai 18 persoas hospitalizadas en Galicia a causa da gripe, algunha delas en coidados intensivos, aínda que desde o Sergas explican que é só o principio, que o virus non chegou á curva de ascenso.

"Pero vai vir en calquera momento, polo que hai que recordarlle á poboación que a gripe, sobre todo na xente maior, ten complicacións importantes, hospitalizacións e mortes, e que o fundamental é a prevención e que temos unha ferramenta extraordinaria para a prevención que é a vacina", subliña a xefa do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles do Sergas.

Susana Mirás engade que tampouco se pode baixar a garda contra a covid, que ten nestes momentos 37 persoas ingresadas na comunidade, sete en unidades de coidados intensivos.

Lembra que a campaña de vacinación dos colectivos vulnerables, tanto contra a gripe coma contra a covid, segue en marcha e que podería prolongarse.

"O ano pasado tivemos unhas coberturas extraordinarias, tanto de gripe coma de covid. E este ano agardamos repetir. De momento, a vacinación está a evolucionar dunha forma positiva e aínda queda campaña ata o 31 de decembro e posiblemente se poida ampliar ata xaneiro", explica.

Este ano, o Sergas ofrécelles ás persoas de 65 a 79 anos a posibilidade de recibir a vacina da gripe reforzada que lle poñen aos maiores de 80, dentro dun estudo clínico para comprobar se tamén reduce as complicacións da enfermidade entre eles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade