Publicador de contidos
Publicador de contidos

A herba seca complica a extinción dun incendio nunha nave agrícola de Santiago

A herba seca complica a extinción dun incendio nunha nave agrícola de Santiago

Os veciños de Aríns alertaron o 112 na tarde do domingo ao ver unha gran fumareda 

Para evitar que se reavivara o lume houbo que sacar toda a herba almacenada na nave

G24.gal 13/05/2024 15:24 Última actualización 13/05/2024 16:25

O luns pola mañá o fume aínda daba sinais do incendio declarado o domingo nunha nave agrícola de Aríns, nas inmediacións do Monte do Gozo, moi preto de Santiago. Foron os veciños dos arredores os que avisaron o 112 pouco despois das tres da tarde cando viron a gran fumareda que saía da nave.

O poder combustible da herba seca prensada complicou o traballo dos bombeiros, que trasladaron un amplo dispositivo ata alí para facerlle fronte ao lume. De entrada, centráronse en atallar o incendio no interior da nave. Unha vez que o consideraron controlado, coa axuda do persoal que xestiona a instalación, foron sacando para fóra o resto da herba que quedaba por arder para asegurarse de que o lume non se reavivara. A tarefa levou máis de quince horas, segundo explica Manuel Sanmartín, o xefe do Parque de Bombeiros de Santiago. 

A nave estaba dedicada unicamente ao almacenamento de herba seca e non conta, ao parecer, con conexión á rede eléctrica. Polo momento non transcendeu ningún indicio de cal puido ser a orixe do incendio, unha cuestión que corre a cargo da Policía Científica.

Os bombeiros acabaron arrefriando no exterior da nave a herba que non ardeu Os bombeiros acabaron arrefriando no exterior da nave a herba que non ardeu
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade