A hostalería e o lecer nocturno recuperan os horarios previos á pandemia
A hostalería e o lecer nocturno recuperan os horarios previos á pandemia
O uso da máscara segue a ser obrigatorio no interior dos locais
Tamén é preciso presentar o certificado da covid
Dende esta medianoite os locais de lecer nocturno e os establecementos hostaleiros xa traballan nos horarios que lles corresponden por licenza, despois de case dous anos de interrupcións e limitacións.
Iso si, a máscara segue a ser obrigatoria no interior dos locais, que ademais seguirán solicitando o certificado da covid.
Tamén continúan vixentes as limitacións no número de comensais por mesa: oito nos espazos interiores e quince nas terrazas.
Novos horarios
Os bares e salóns de xogo e banquetes poden abrir ata as 2:30 pola semana e ata as 3:00 horas a fin de semana; mentres que os restaurantes, media hora menos en cada tramo.
Os casinos, bingos e pubs teñen horario ata as 4:00 pola semana e ata as 4:30 a fin de semana. Os salóns de banquetes e cafés espectáculo poden pechar ás 4:30 pola semana e ás 5:00 a fin de semana; mentres que as discotecas poden abrir ata as 6:00 pola semana e ata as 6:30 as fins de semana.
Romarías e desfiles
Respecto á celebración de romarías, desfiles, exhibicións de música, baile ou actividades similares en espazos abertos e con acompañamento de público, deben desenvolverse nas condicións que determinen "as autoridades municipais correspondentes".
Nestes casos, con carácter previo á celebración, delimitarase o espazo ou o itinerario. Ademais, procurarase manter a distancia de seguridade interpersoal entre participantes e co público asistente.