Publicador de contidos
Publicador de contidos

A inflación cae ao 3,3 % alentada polo efecto base, por María Cadaval

A inflación cae ao 3,3 % alentada polo efecto base, por María Cadaval

A inflación a doce meses baixou empurrada polo efecto base e tamén unha caída dos prezos enerxéticos

G24.gal 31/03/2023 07:45

O indicador adiantado do IPC correspondente ao mes de marzo amosa unha freada considerable. Tras meses de subidas, rexistrouse unha caída de 2,7 puntos, ata situarse no 3,3 % interanual, dende o 6 % de febreiro. Unha baixada que non sorprendeu, senón que era esperada como consecuencia do efecto base. 

Que significa isto?

Pois que a comparativa dos prezos de marzo de 2023 con respecto ao mesmo mes do ano anterior amosa un  crecemento máis contido do que viña sendo habitual debido ao salto que tiveron os prezos no mes de marzo do ano pasado, tras a invasión rusa de Ucraína o 24 de febreiro, no que a inflación chegou ao 9,8 % tras o incremento de tres puntos mensuais.  Nese momento os prezos da enerxía disparáronse, o que arrastrou á alza ao índice no seu conxunto. 

Agora, a pesar de que os prezos subiron en marzo un 0,4 % con respecto ao mes anterior, a inflación a doce meses baixou empurrada polo efecto base e tamén unha caída dos prezos enerxéticos. O temor a unha recesión derivada da tormenta financeira das últimas semanas, ademais dun ámbito propicio para a xeración de enerxía renovable, tirou á baixa destes inputs básicos que permitiron o bo dato de inflación. Mais isto pode non ser máis que un espellismo pasaxeiro. 

As tensións inflacionistas aínda non desapareceron nin tampouco as ameazas a elas inherentes. O dato da inflación subxacente, que exclúe a evolución dos prezos da enerxía e dos produtos non elaborados, non dá marxe ao optimismo, pois apenas cae unha décima ata o 7,5 %, a maior dende agosto de 1986.

O INE non deu a coñecer a evolución dos prezos dos alimentos, mais semella que van seguir na liña de febreiro, cando repuntaron mais dun 16 %, pese ás rebaixas do IVE para determinados produtos básicos. A normalización destes prezos enfróntase a varios problemas aos que non axudan os efectos da seca ou un contexto internacional pouco estable para a súa normalización.

Evolución contraria amosan os prezos da enerxía, cun medo ao desabastecemento que se disipou e forzas contrapostas en xogo cunha perspectiva de crecemento cativo que levaron o Brent por debaixo dos 80 dólares de media no último mes. Axuda tamén a recuperación do euro fronte ao dólar, tras un período de debilidade. 

Está por ver cal será a evolución do IPC en abril, xa que nese mesmo mes en 2022 baixou un 0,2 %, así, aínda que os prezos quedasen agora conxelados, o vindeiro mes a inflación subiría dúas décimas polo efecto base.

Esta tendencia podería dar a volta de novo no mes de xuño, no que se pode producir outra vez o efecto base, dado que nese mes do ano pasado os prezos subiran un 1,9 %. Haberá que agardar, é complicado facer estimacións neste contexto, mais todo apunta a que unha vez descontada a evolución positiva da enerxía a inflación podería situarse ao redor do 4 % e a subxacente estancarse polo 7 %.

En todo caso, a volatilidade dos prezos alentada polas incertezas derivadas da guerra semella que vai continuar cunha evolución negativa na evolución dos alimentos, que seguirán algún tempo por riba dos dous díxitos, sen perder de vista outras ameazas latentes. Todo isto aconsella tomar o dato de marzo con cautela e agardar a que a meta do 2 % marcada polo BCE estea cada vez mais próxima, mais co realismo de saber que queda aínda moito camiño por percorrer.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade