A intervención de prezos nos supermercados, por María Bastida
OPINIÓN
A intervención de prezos nos supermercados, por María Bastida
A ministra Díaz, e posteriormente o seu colega Garzón, acaban de propoñer unha intervención de prezos nos produtos dos supermercados, marcando máximos para produtos básicos -calquera que sexa o significado deste cualificativo-. A medida parte da base de que a industria alimentaria está incrementando os prezos e as marxes de beneficios, gañando cartos a man cheas grazas a inflación. Coma tantas veces, unha media verdade das que tanto gustan aos políticos, pois se ben o primeiro o nota calquera que pase polo supermercado, o segundo obvia que tanto os produtos básicos que compran ás distribuidoras, coma o recargo polo transporte deses produtos, coma a conservación destes no establecemento (neveiras, por exemplo) sufriron unha suba considerable. Que os supermercados subiron prezos é obvio, que estean incrementando os seus beneficios, máis cuestionable.
Con todo, a medida ten varias derivadas que causan certa sorpresa. Por exemplo, custa crer que despois de anos clamando porque as institucións de defensa da competencia deste país actúen en contra dos acordos de fixación de prezos por parte das distribuidoras de combustible, agora sexa o propio goberno o que propón, sen ruborizarse, un acordo similar noutro sector. Certo que, como din, non é unha lei (o que vulneraría a liberdade de mercado). Pero é que os acordos tampouco son viables no noso marco de competencia de mercado, e de feito son os supostos acordos das gasolineiras o que sempre está en cuestión.
Custa crer tamén que o mesmo partido que leva no seu programa a prohibición de vender por debaixo dun prezo mínimo os produtos de agricultura e gandería, pida agora que se marque un prezo máximo para estes mesmos produtos. A lóxica subxacente a esta aparente non contradición asume unha máxima repetida ata a saciedade: os consumidores queixámonos de que pagamos moito no supermercado, os produtores quéixanse de que cobran pouco polos produtos en orixe, ergo a distribución é a que leva todo o beneficio. Tal axioma ilustra un descoñecemento absoluto do modelo de negocio dos supermercados -especialmente, as grandes distribuidoras-, que non gañan cartos polo beneficio obtido entre o que pagan polos bens que adquiren e o que cobran por eles (de feito, a marxe de beneficio por unidade de produto adoita ser moi baixa), senón pola rotación: venden moito ao largo do ano, e gañando pouco por cada unidade, ao vender un alto número de unidades, obteñen ganancias. E se limitan os prezos de venta (e cae o beneficio unitario), premerán para manter ese beneficio a custa de baixar aínda máis os prezos dos produtos en orixe. Ou rebaixarán a calidade do vendido. Non sei que é peor.
Con todo, o que máis custa crer é que a mesma Ministra que presume unha e outra vez de estar ao lado dos menos favorecidos faga unha campaña publicitaria a favor das grandes cadeas de distribución (dúas das cales non son españolas, por certo). Unha cesta de produtos deste tipo é un chamado para a venda, polo que me pregunto que pensarán os donos de pequenas tendas de barrio -ou mesmo as praceiras de abastos- desta proposta. Porque se compramos nun sitio, atraídos por este aparente prezo acordado, dificilmente acudiremos a outros.
A todo isto deberiamos unirlle as repercusións que tal medida poderían ter na dispoñibilidade e calidade dos produtos. Poderíamos comentar tamén a ensalada de competencias deste goberno, que non pasaría de anécdota se nos fose porque neste momento é imprescindible que cada responsable traballe -e moito- nas súas propias funcións. Poderiamos explicar que esta medida nada ten que ver coa que fixo o presidente Sarkozy, que propuxo prezos axustados que permitisen facer unha comida semanal, sobre a base de concentración de ofertas. Os prezos variaban libremente, non estaban limitados. E o impacto da medida foi limitado, porque os consumidores déronse conta de que en realidade era un reclamo para a venda e deixaron de responder ao chamado dos supermercados.
En definitiva, reitero unha vez máis que a toma de medidas económicas con criterios políticos non é boa. Se engadimos os obxectivos propagandísticos, aínda é peor. Unha vez máis, tamén, este Goberno amosa un descoñecemento supino da realidade económica que aspira a cambiar.