Publicador de contidos
Publicador de contidos

Susana Rodríguez Gacio, prata no tríatlon de Pontevedra tras unha controvertida penalización

Susana Rodríguez Gacio, prata no tríatlon de Pontevedra tras unha controvertida penalización

A galega, número 1 do ránking mundial, foi por diante ata o treito final do segundo sector, cando sufriu unha penalización e acabou cedendo na meta 32 segundos fronte á italiana Tarantello

G24.gal 23/09/2023 11:03

A viguesa Susana Rodríguez Gacio non puido conseguir a vitoria no paratríatlon de Pontevedra. Na súa proba (discapacitados visuais) é a gran dominadora da especialidade, pero atopouse coa mellor actuación da temporada da italiana Francesca Tarantello e cunha penalización no segundo sector que condicionou a carreira. 

Competindo na casa, Rodríguez Gacio imprimiu un ritmo moi forte no sector da natación, en que marcou un rexistro de 14:34, 30 segundos menos que a súa rival. Na bicicleta buscou o éxito en solitario e foi por diante ata a cuarta e última volta do percorrido. 

Na segunda transición Tarantello estivo máis rápida e fixo o troco cinco segundos por diante de Gacio cunha saída na primeira volta da carreira a pé rapidísima que marcou a diferenza definitiva de trinta segundos. Francesca Tarantello logrou a vitoria cun tempo de 1:07:19. A 32 segundos chegou Susana Rodríguez Gacio e a 2:57 a francesa Curzillat. A italiana, do ano 2002, demostra ser unha rival moi dura para os futuros compromisos de 2024, sobre todo a carreira dos Xogos Olímpicos de París. 

Tras a chegada, Susana Rodríguez e a súa guía, Sara Loer, explicábanlle ao seu adestrador a penalización que lles custou o ouro mundial.

Despois, no micrófono da TVG, falou alto e claro, para protestar contra uns xuíces que, segundo ela, "non saben o que teñen que facer". Moi contrariada, afirmou que esta penalización lle vai servir para aprender.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar