Publicador de contidos
Publicador de contidos

A locomotora europea fréase a pesar do dinamismo ibérico, por María Cadaval

A locomotora europea fréase a pesar do dinamismo ibérico, por María Cadaval

A perda de impulso da economía europea está relacionadas cos efectos da pandemia, a invasión Rusa de Ucraína, o encarecemento da enerxía e a política monetaria restritiva do BCE

G24.gal 12/09/2023 08:17

Paolo Gentiloni, comisario de asuntos económicos e monetarios da Comisión Europea, acaba de presentar as previsións de crecemento para a economía europea cunha revisión á baixa para o conxunto da eurozona de tres décimas con respecto ao prognostico de maio, quedando no 0,8 % para o ano 2023, arrastrado pola debilidade da locomotora alemá, que verá contraerse a súa economía no 2023 un -0,4 %, mentres se espera que España medre un 0,3 % mais, até o 2,2 %.

O crecemento débil europeo persistirá no ano 2024, se ben se agarda un “suave rebote se a inflación continúa baixando e o mercado laboral segue forte”. A zona euro medrará, segundo esta estimación, un 1,3 % no ano 2024, de novo tres décimas menos do previsto na primavera, aínda que por riba do 0,8 % esperado para este ano, e a economía española desacelerarase até situarse nun crecemento do 1,9 %.

As razóns que están detrás desta perda de impulso da economía europea están relacionadas cos efectos da pandemia, a invasión Rusa de Ucraína, o encarecemento da enerxía, nomeadamente o petróleo e o gas, e mais as derivadas da política monetaria restritiva que o BCE leva a cabo dende hai un ano.

“O crecemento débil persistirá no ano 2024, mais espérase un rebote da economía se a inflación mantén o ritmo de caída e o mercado laboral segue a comportarse de xeito forte”, afirmou Genteloni.

A economía europea perdeu pulso, non se pode descartar aínda o risco de recesión, mais cómpre prestar atención a un cambio de paradigma que parece que está a producirse e que prexudica as economías de bens mentres beneficia as economías de servizos. 

Este cambio de comportamento pospandémico  parece marcar un cambio de paradigma e, se é así, favorece a economía española, mais isto non pode facer perder de vista que España debe adaptar o seu aparato produtivo aos servizos de alto valor engadido relacionados coa economía dixital e verde, preciso para transformar os beneficios empresariais en investimentos.

É hora de ligar os beneficios ao investimento, mentres a maquinaria europea se ceba de novo nun reaxuste de modelo produtivo aquí e tamén en Alemaña, que está na procura dunha menor dependencia de Rusia ou A China para refuxiarse en mercados mais seguros á hora de desenvolver a súa actividade.

Por diante queda un outono de arrefriamento moderado que veremos como se traslada ao mercado laboral e á decisión inmediata que o BCE debe tomar sobre unha nova suba (ou non) dos tipos de xuro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade