Publicador de contidos
Publicador de contidos

A macrocausa Pokémon pecharase o luns cun acordo de conformidade

A macrocausa Pokémon pecharase o luns cun acordo de conformidade

Os acusados da peza orixinal acadaron un acordo coa Fiscalía para recoñecer os delitos e rebaixar a súa pena

G24.gal 23/06/2024 14:18 Última actualización 23/06/2024 22:10

A peza orixinal da que derivou a macrocausa da Operación Pokémon, a relacionada coas presuntas irregularidades na adxudicación do guindastre municipal de Lugo, chegará a xuízo este luns cunha vista na que se prevé que se ratifique un acordo de conformidade.

Dúas décadas despois dos feitos, que derivaron nun rosario de pezas separadas por toda Galicia, os acusados da peza orixinal alcanzaron un acordo con Fiscalía para recoñecer os delitos e ver rebaixada a súa pena.

Os detalles daranse a coñecer despois da vista na Audiencia de Lugo. Esta investigación analizou a suposta adxudicación fraudulenta do servizo do guindastre municipal de Lugo á empresa Cechalva. Entre os procesados, figura o que era daquela edil de Urbanismo, Francisco Fernández Liñares.

Esta investigación sería a primeira causa do que uns anos despois se chamaría Operación Pokémon, unha macrocausa instruída pola entón xuíza do número 1 de Lugo, Pilar de Lara, que tocou numerosos concellos por toda Galicia e na que se produciron ducias de detencións.

Os resultados, en termos de condenas, foron escasos, xa que a maioría das pezas remataron arquivadas ou en acordos xudiciais para reducir as condenas.

Pilar de Lara foi sancionada polo Consello Xeral do Poder Xudicial por atrasos nas súas instrucións, e en 2020 cesou como titular do xulgado lucense.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade