Publicador de contidos
Publicador de contidos

O G20 presiona a Rusia para que poña fin á agresión a Ucraína

O G20 presiona a Rusia para que poña fin á agresión a Ucraína

O ministro de Exteriores ruso acusou a Occidente de "librar unha guerra híbrida contra Rusia" e a Kíiv de non querer a paz

Preparan unha declaración conxunta contra a guerra

Sánchez tenta sen éxito que Xi Jingping interceda ante Putin

O presidente de Ucraína interviño no cumio do G20 por videoconferencia
G24.gal 15/11/2022 12:34 Última actualización 15/11/2022 21:21

Na primeira xornada do cumio de líderes do G20 houbo hoxe un aumento da presión da maioría de países membros contra Rusia pola súa invasión de Ucraína.

Rusia estivo representada no cumio polo ministro de Exteriores, Serguéi Lavrov, debido a que o presidente Vladímir Putin eludiu o encontro presumiblemente para evitar unha imaxe de illamento total neste foro e ser a diana dun aluvión de críticas.

Os Estados Unidos, a Unión Europea, O Reino Unido ou Xapón foron algúns dos países máis contundentes en contra de Moscova nas súas intervencións, acusándolle de empregar os alimentos e a enerxía como arma de guerra ou de atentar contra a estabilidade económica global, e instándolle a poñer fin ao conflito.

Todos eles promoveron unha declaración conxunta que se espera que sexa aprobada o mércores, e na que a maior parte do club dos Vinte condenará con firmeza a invasión rusa de Ucraína e denunciará as súas devastadoras consecuencias a nivel humano e tamén económico.

España considera que o cumio está a evidenciar o diálogo da comunidade internacional en favor da paz fronte á "irrealidade" de Rusia para xustificar a invasión de Ucraína.

Lavrov escoitou todas estas intervencións sen levantarse do seu asento, mesmo durante a intervención telemática do presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, quen afirmou que as súas tropas "non permitirán a Rusia que se tome un respiro" para comezar "un novo episodio de terror e desestabilización".

Lavrov, pola súa banda, acusou a Occidente de "librar unha guerra híbrida contra Rusia", culpou o neocolonialismo dos problemas económicos que afronta o mundo e acusou a Kíiv de non ser realista nas súas condicións para retomar as conversacións de paz.

Polo momento o encontro en Bali transcorreu sen que os presentes pousasen xuntos nunha foto de familia. O presidente do Consello Europeo, Charles Michel, admitiu hoxe que a opción de boicotear a foto de familia púxose sobre a mesa para escenificar o rexeitamento á guerra iniciada por Rusia.

Nunha xuntanza bilateral, o xefe do Goberno español, Pedro Sánchez, destacou ante o presidente chinés, Xi Jinping, a capacidade do país asiático como potencia estabilizadora e pediulle usar esa influencia para convencer ao presidente ruso, Vladímir Putin, de que poña fin á guerra en Ucraína.

Xi Jingping repondeulle que A China non é un actor nesta guerra, que non se debe sobrevalorar a súa influencia sobre o líder ruso, e referiuse á imposición de sancións ou a ameaza de xuízos internacionais como elementos que non axudan a atopar unha solución.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade