A mercadotecnia olfactiva como valor engadido para os negocios
A mercadotecnia olfactiva como valor engadido para os negocios
Hai empresas que se dedican a atopar o que máis se axusta a cada tipo de negocio
Seguro que se decataron de que hai tendas, restaurantes, negocios de todo tipo que teñen un aroma particular. Tras eles hai empresas que se dedican a atopar o que máis se axusta a cada tipo de negocio, son especialistas na mercadotecnia olfactiva.
Porque todo transmite cando entramos nun local: a decoración, a iluminación, a música ambiente e por suposto os aromas. E nalgunhas ocasións mesmo conseguen darlle un valor engadido, que fai que a nosa experiencia, moitas veces sen decatarnos, sexa mellor. Pois tras eses aromas con nome propio están as empresas de mercadotecnia olfactiva. Cun traballo invisible en que cada vez confían máis negocios como o que dirixe Susan Ramos de Smell Maniac:
"O márketing olfactivo é unha ferramenta sofisticada, poderosa, que incluímos dentro do márketing sensorial, a utilización de aromas para darlle un valor engadido a calquera tipo de establecemento, negocio do tipo que sexa".
Entre eses negocios hai dende tendas de roupa ou locais de hostalería ata despachos profesionais, garderías ou mesmo residencias. E para cada un deles, un aroma que o fai único e que é preciso atopar.
"Hai unha base, uns indicadores de que uns aromas son mellores para un tipo de negocio. Non é o mesmo un negocio que teña madeira, que teña pedra, os olores característicos de cada sector... Todo iso fai que cambiemos, nunca vas cun aroma determinado para un tipo de local...".
Nesta cafetería do centro histórico de Ourense, La zapatería del abuelo, apostaron polo márketing olfactivo case dende que abriron as súas portas.
"Aquí cheira a caramelo, canela, os doces que vendemos aos nosos clientes. A xente cando entra di: Que ben cheira! Nós non dicimos o que hai detrás, e xa xeras unha mellor impresión, máis ganas de estar no teu local", apunta a propietaria Beatriz Alcalá.
Na instalación dos dispositivos inflúe o tamaño do local, a situación das portas, as correntes de aire. Tamén, claro, o gusto do cliente. Todo ata dar con ese aroma que, como din, fai marca e identifica o negocio. Lourdes Gulías, de Anna Lovely Clothes:
"Igual ca unha prenda, un logo é un márketing, pois o aroma tamén é algo como moi recoñecible de algo en concreto".
É unha ferramenta para os negocios e ao mesmo tempo unha experiencia para os clientes. Moitas das grandes marcas levan anos utilizando o márketing olfativo. Unha carta de presentación que permanece no tempo e tamén nos nosos sentidos.