A metade dos concellos de menos de 500 habitantes gañou poboación tras a pandemia
A metade dos concellos de menos de 500 habitantes gañou poboación tras a pandemia
A crise do coronavirus impulsou a moitas persoas a un cambio cara a unha vida máis sinxela
Na ladeira dun macizo montañoso, onde Galicia ten vides e bosque mediterráneo, está un pequeno concello de 23 quilómetros cadrados e 447 veciños.
"Larouco está moi vivo. No concello, desde 2019, naceron 11 nenos. A última nena naceu o sábado. É preciosa, duns pais que son cociñeiros nun restaurante moi de moda na comarca, inmigrantes que se instalaron aquí", explica Patricia Lamela, alcaldesa.
A casa niño de Larouco veu ao mundo coma Marta no medio da pandemia, para facilitar unha conciliación que é tamén imprescindible no rural.
"A verdade é que vin parar a Larouco non sei nin moi ben como, porque tiña os tres nenos xustos", chancea Lorena González, profesora da casa niño.
Hoxe, coa demanda triplicada, é un servizo fundamental para explicar a remonta demográfica neste concello. O mesmo que outros como o caixeiro ou a casa do maior, un centro de día con actividades, xantar e compañía.
En Larouco debaixo de cada lousa aparece unha historia. Os cinco de familia do bar ultramarinos que viñeron de Toledo, o cacereño que arranxa a casa que atopou por Internet, o panadeiro de Madrid que fala galego, ou o salón de peiteados que cambiou o traballo asalariado na vila pola liberdade dun negocio propio.
"Eu ao mellor teño unha señora coa tinguidura e chámanme do colexio da nena e collo un momento e vou. Esa é a vantaxe que temos no rural, que todo é unha familia", di Mónica Pérez, a peiteadora.
Considera a alcaldesa que non poden pretender volver a ser 700 de familia, pero asegura que manterán o censo a base de manter os servizos e a ilusión, como as cegoñas que acaban de chegar con tres días de adianto.