A ministra Raquel Sánchez recibirá o 26 deste mes os familiares do Pitanxo
A ministra Raquel Sánchez recibirá o 26 deste mes os familiares do Pitanxo
Os familaires insistirán en pedirlle "explicacións" ao Goberno e "baixar ao barco"
Os familiares dos falecidos no naufraxio da Villa de Pitanxo manterán un encontro, o próximo 26 de xullo, coa ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana Raquel Sánchez, a quen lle trasladarán en persoa as súas demandas de información e a reclamación de que se baixe ao barco afundido para recoller información sobre as circunstancias da traxedia, na que faleceron 21 dos 24 tripulantes do pesqueiro o pasado 15 de febreiro, a 450 quilómetros das costas de Terra Nova.
A portavoz das familias María José de Pazo confirmou que as numerosas solicitudes e chamadas para reunirse coa ministra e co propio presidente do Goberno tiveron resposta este mércores. Así, o gabinete de Presidencia contactou coas familias para informarlles de que serán recibidas por Raquel Sánchez o próximo 26 de xullo ás 12:30 horas en Madrid.
"Pediremos explicacións, información, transparencia e a baixada ao barco. E se (a resposta) é a negativa por parte do Goberno, que a xustifiquen e a motiven, pero con técnicos, non con medio folio con vaguidades, que é o que temos ata agora", proclamou De Pazo.
Por outra banda, os familiares prevén reunirse este xoves en Bruxelas coa Comisión de Peticións da Unión Europea (UE) e trasladarán a súa petición de que se investigue se o Goberno de España viola a normativa comunitaria sobre transparencia mediante a ocultación de información.
Tamén exporán as súas alegacións para insistir na necesidade de localizar e baixar ata o arrastreiro afundido para coñecer as causas que o levaron ao fondo do mar.