A mobilidade a pé, en bici ou autobús pola que apostan as "cidades de 15 minutos"
A mobilidade a pé, en bici ou autobús pola que apostan as "cidades de 15 minutos"
A idea é que non nos leve máis dese tempo chegar a un centro educativo, ao médico ou ao traballo
Falamos dun modelo urbano que relega o coche a un segundo plano. "Que todos os desprazamentos que teñas que facer ao día os poidas facer fundamentalmente a pé e se non nun radio o suficientemente pequeno para que o poidas facer en transporte público ou bicicleta ou patinete eléctrico", explica Alejandro Voces, presidente da Asociación coruñesa Mobi-liza.
Preguntamos ás persoas usuarias do transporte público se consideran que A Coruña é unha cidade de 15 minutos: "Tes que ter sorte, pero polo xeral eu creo que si". "Nas liñas que eu podo controlar, non en todas se pode acceder en 15 minutos ao teu destino". "Como sempre veño ao centro por aquí, hai bastante frecuencia". "Chegamos antes que no coche e despois non hai problema de aparcar".
A idea é que as persoas non teñen que botar máis de 15 minutos para acceder aos servizos básicos como ir a un centro educativo ou sanitario ou ao traballo. "Está a traballarse nesa dirección e creo que se están a dar bos pasos coas zonas peonís, co alugueiro de bicis, cos carrís 30. Estase a apostar por un tipo de mobilidade activa", asegura Ramón Segura, monitor da Escola de Bici que promove a Asociación Mobi-liza.
E non abonda só con reducir o tempo do desprazamento. A mobilidade urbana ten que ser segura. É dicir, "que o poida realizar un neno ou unha nena, que o poida realizar unha persoa en cadeira de rodas ou unha persoa maior", sinala Alejandro Voces. En definitiva, unha mobilidade accesible, segura e sostible.