A morea de refugallos almacenados complica a extinción dun incendio nun edificio ocupado en Ferrol
A morea de refugallos almacenados complica a extinción dun incendio nun edificio ocupado en Ferrol
Dentro había unha morea de colchóns, pertenzas varias, roupa e moito lixo que alimentaron as lapas e, sobre todo, unha gran fumareda que complicou o traballo dos bombeiros
Incendio nun edificio ocupado en Ferrol, un esqueleto de corenta vivendas que quedara a medio construír no 'boom' do ladrillo, na crise inmobiliaria.
O edificio está na estrada de Catabois, en Ferrol, na zona non sorprendeu que pasara algo así. O edificio leva anos abandonado pero todos os veciños son coñecedores de que está habitado por ocupas. Trátase dun inmoble de gran tamaño, con 40 vivendas e catro alturas.
O lume orixinouse na última, onde viven os ocupas, segundo parece, por acumulación de colchóns, trebellos, roupa e cascallos. Unha veciña di "que segundo contaron os bombeiros o lume empezou nun colchón e que foi moi complicado e perigoso extinguilo porque a fumareda era moi intensa e hai moitos ocos porque non hai ascensor".
Cinco efectivos do parque de bombeiros de Ferrol conseguiron sufocar o lume. Non hai que lamentar danos persoais, porque no momento do incendio non había ninguén no interior. Con todo e segundo parece, adoitan estar sempre alí. Algo que incomoda os veciños. Contan que "son responsables de roubos e que os botaron moitas veces pero que sempre volven".
O inmoble ocupa unha superficie construída de case de 5.500 metros cadrados e, malia que segue baleiro, mesmo chegou a presentarse a poxa hai uns anos.