Publicador de contidos
Publicador de contidos

A dona de Carlos Correa confirma á TVG que segue sen novas do activista venezolano

A dona de Carlos Correa confirma á TVG que segue sen novas do activista venezolano

Mabel Calderín lembra que o activista ten enfermidades crónicas

A familia galega de Correa esixe a súa liberación inmediata

Carlos Correa, activista e director da ONG Espacio Público
G24.gal 12/01/2025 14:42 Última actualización 12/01/2025 15:01

Este domingo Mabel Calderín, a dona de Carlos Correa, confirmoulle á Televisión de Galicia que, a piques de cumprírense cinco días da súa desaparición, seguen sen ter noticias sobre o seu paradoiro.

Carlos Correa, activista e director da ONG, Espacio Público, foi interceptado o martes cando saía da súa oficina por persoas non identificadas vestidas con traxe negro que se desprazaban en vehículos sen placa. Durante este tempo buscárono sen éxito por todos os centros de reclusión.

"Imos todos os días e a resposta sempre é non busquen noutro lugar, esa é a resposta oficial que temos", asegura a muller.

A familia acudiu o mércores pasado ao pazo de xustiza de Caracas para presentar un recurso de habeas corpus.

"Fixéronos esperar moito para recibir o habeas corpus e despois a comisión interamericana de dereitos humanos presentou medidas cautelares para esixir a liberdade de Correa".

A súa muller lembra que Carlos Correa ten problemas de saúde crónicos que precisan de tratamento e reclama o dereito da familia a recibir información.

"Todos os seus familiares, os que están aquí e os de fóra, os seus irmáns que están en Galicia están apoiando e pedindo a súa liberación".

A desaparición de Correa tivo lugar o mesmo día en que foron detidos sete políticos opositores, incluído o excandidato presidencial Enrique Márquez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade