Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha nave da NASA impacta contra un asteroide para tentar desviar a súa traxectoria

Unha nave da NASA impacta contra un asteroide para tentar desviar a súa traxectoria

Á 1:14 h deste martes, unha nave da NASA colidiu a unha velocidade de 6,4 quilómetros por segundo contra o asteroide Dimorphos, situado a uns once millóns de quilómetros da Terra

G24.gal 26/09/2022 21:11 Última actualización 27/09/2022 11:09

A NASA fixo esta noite un experimento históricoEsnafrou unha sonda contra un asteroide co obxectivo de desviar a súa traxectoria, no que supón unha proba para saber se é posible defenderse no futuro de obxectos espaciais que ameacen a Terra.

Neste caso o asteroide elixido chámase Dimorphosnon supoñía ningunha ameaza, xa que se atopaba moi lonxe da Terra, a uns 11 millóns de quilómetros do noso planeta.

A nave que se dirixiu contra el recibiu o nome de DART. Loxicamente non levaba tripulación a bordo. Á 1:14, hora de Galicia, bateu contra o asteroide a unha velocidade de 6,4 millóns de quilómetros por segundo.

A sonda é minúscula en comparación co asteroide, pero os enxeñeiros da NASA cren que ao estrelala a esa velocidade é suficiente para alterar a súa órbita. Ese impacto pido verse na retransmisión en directo que ofreceu a axencia espacial norteamericana.  

Agora os científicos terán que agardar días ou incluso semanas para saber se a nave logrou alterar lixeiramente a órbita do asteroide. E é que a misión era desviar, non destruír, posto que no segundo caso, un forte impacto podería acabar con milleiros de rochas caendo sobre a Terra.

É a primeira vez na historia da humanidade que se tenta cambiar a traxectoria dun corpo celeste, nun intento de protexer a Terra de asteroides similares ao que fai 66 millóns de anos se cre que provocou a extinción dos dinosauros.

Ademais, esta é a primeira proba de "defensa planetaria" que efectúa a NASA, no marco da importancia crecente que deron as Forzas Armadas dos EUA ao espazo e ás posibles ameazas que poidan atoparse nel.

Pouco despois do lanzamento, a directora da División de Ciencias Planetarias da NASA, Lori Glaze, afirmou que o mundo abriu esta noite un novo capítulo.

"Estamos a embarcarnos nunha nova era para a humanidade, unha era en que teremos a capacidade de protexernos a nós mesmos de algo tan perigoso como o impacto dun asteroide. Iso é algo incrible. Nunca antes tivemos esa capacidade", afirmou Glaze nun comunicado.

A NASA retransmitiu en directo o impacto nun vídeo en branco e negro no que se puido ver como a pequena sonda se estrelaba contra o asteroide.

Ao mesmo tempo, os espectadores puideron seguir a conta atrás ata o impacto: "Tres, dous, un!". E puideron ver como nese momento estalaban en aclamacións, aplausos e abrazos os científicos da NASA e do Laboratorio de Física Aplicada Johns Hopkins (LFA), que traballaron xuntos nesta misión.

Unha nave do tamaño dun frigorífico

A nave non tripulada que efectuou a histórica viaxe ten o nome de DART, siglas en inglés de Proba de Redirección dun Asteroide Dobre, mide case o mesmo que un frigorífico ou unha máquina expendedora de comida, e a súa construción custou máis de 330 millóns de dólares.

Pola súa banda, o asteroide contra o que se estrelou chámase Dimorphos ("dúas formas" en grego). É un corpo espacial de 160 quilómetros de diámetro parecido a unha lúa e que vira ao redor doutro asteroide máis grande chamado Didymos, de 780 quilómetros de diámetro e cuxo nome significa "xemelgo" en grego.

Xuntos forman parte do que se coñece como un sistema de asteroide dobre e foron seleccionados pola NASA porque non supoñen ningunha ameaza para a Terra.

Os científicos da NASA cren que o impacto de DART sobre Dimorphos pode provocar un cráter e lanzar pequenos fragmentos rochosos ao espazo.

Un pequeno satélite desenvolvido pola Axencia Espacial Italiana seguiu a certa distancia a operación para tomar imaxes do impacto e enviarllas aos científicos para que as avalíen nas próximas horas ou días.

Por agora, a NASA non ten no seu radar algún obxecto que poida representar unha ameaza directa contra a Terra durante os próximos 100 anos, pero decidiu poñer a proba a súa tecnoloxía para estar preparada. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade