A nova ABAU terá criterios comúns pero non será proba única para toda España
A nova ABAU terá criterios comúns pero non será proba única para toda España
En Galicia, a comunidade educativa di que os cambios son precipitados e pide máis participación
A nova proba de acceso á universidade comeza a tomar forma. O borrador que presenta o Goberno elimina os aspectos máis polémicos da primeira reforma que incluía un único exame tipo test para todas as linguas.
"O que intenta o Ministerio de Educación é traballar máis o concepto de madurez", asegura Joan Subirats, ministro de Universidades.
Tras as críticas da comunidade educativa manterase a estrutura dun exame por cada materia. Filosofía e historia serán obrigatorias en segundo de bacharelato, pero o alumnado poderá elixir unha delas na proba de acceso.
Terán quince minutos máis para facer o exame e máis garantías na revisión das notas. Desde os centros educativos ven precipitados os cambios.
"Os plans de estudio está pensados para facelo doutro xeito. Cambialos agora, na metade, sería prexudicial para o alumnado", considera Estrella Pérez Freire, directora do IES Zalaeta.
En Galicia non convencen os cambios. A Xunta di que provocan confusión a persoal docente e alumnado e que ademais non resolven o principal problema da selectividade que é a desigualdade entre territorios.
"Se temos distrito único e todos podemos entrar en calquera universidade, teriamos que ter unha proba única para que non houbese diferencia", salienta Estrella Pérez.
"Esa proposta tería que ser consensuada tanto con directores coma con familias. Fano no Ministerio pero nós podemos achegar cousas", engade Mª José Ferreño, presidenta da Confederación de Ampas da Coruña.
Os novos criterios para o acceso á universidade comezarán a aplicarse o próximo curso de 2024.