Publicador de contidos
Publicador de contidos

A nova FP, con máis de 9.000 especialidades, implantarase a partir do próximo curso

A nova FP, con máis de 9.000 especialidades, implantarase a partir do próximo curso

O sistema, que pretende xeneralizar a formaciómn dual, oferta diferentes itinerarios cunha "formación máis flexible"

G24.gal 18/07/2023 12:45 Última actualización 18/07/2023 13:33

O Goberno aprobou este martes que o novo sistema de Formación Profesional (FP), que prevé unha oferta de máis de 9.000 especialidades, se implantará a partir do próximo curso 2023-2024 co fin de xeneralizar o ensino dual e combinalo con prácticas remuneradas e de maneira máis prolongada.

A ministra de Educación Pilar Alegría avanzou no último Consello de Ministros antes das eleccións xerais do 23 de xullo: "Agora tocaba aprobar este real decreto para a despregadura deste novo modelo de FP que entra en vigor para o curso 2023-2024 e será definitivo para o curso 2024-2025".

Desta forma desenvólvese completamente a lei que ordena o sistema de Formación Profesional e que permite a implantación da norma aprobada en marzo de 2022 na súa totalidade.

Alegría destacou que o novo modelo de Formación Profesional foi un "proxecto de país" para o Executivo que tivo como consecuencia que 1,2 millóns de mozos xa estuden FP.

A norma prevé diferentes itinerarios en que se poderá combinar ciclos de diferentes graos e ofertas de dobre titulación internacional.

Con este novo sistema de FP permitirase ampliar a oferta en máis de 9.000 especialidade de moi diversas duracións e tipoloxías, estruturadas en graos, desde as chamadas "microformacións" (grao A), ata os títulos de FP e os cursos de especialización ou másteres da Formación Profesional (grao D e E, respectivamente).

O obxectivo é achegar a Formación Profesional á cidadanía para asegurar o carácter dual (ensino e emprego) a través da formación no centro e na empresa por maior tempo. Ademais, a norma deixa claras as funcións do titor do centro e do da empresa.

Por primeira vez, inclúense novos módulos en todos os ciclos de grao medio e grao superior vinculados á dixitalización, a sustentabilidade, o inglés técnico ou a empregabilidade, á vez que se incorporan novos perfís no sistema de FP, como os expertos de empresa, que poderán dispensar docencia, ou outros, que poderán ser mentores.

Outra figura será a dos prospectores de empresas, que facilitarán o contacto entre o centro e as empresas da contorna.

"O tecido produtivo entende cada vez máis que a FP dual é unha oportunidade para todas elas e cada vez son máis as que participan", dixo tras explicar que para a FP de grao básico haberá un máximo de 400 horas de prácticas en empresas, para a FP de grao medio entre 400 e 750 horas e para a FP intensiva as horas de traballo serán entre 750 e 1000.

Alegría destacou que o novo sistema elimina "barreiras aos mozos e aos estudantes que mesmo abandonaron estudos, cunha formación máis flexible" e incidiu en que todas son formacións "acreditables e oficiais", independentemente das horas que reciban.

"Axilízase a acreditación de competencias profesionais e recoñécese a experiencia profesional dun traballador", dixo, á vez que se establece unha estratexia de orientación profesional que acompañará os estudantes e os traballadores ao longo da súa vida profesional e impulsa a internacionalización.

En marzo de 2022 o pleno do Senado deu luz verde de forma definitiva á nova lei orgánica de Formación Profesional, que permitirá acumular experiencia laboral desde o principio.

A lei contou co aval da patronal e dos sindicatos e foi aprobada por 142 votos a favor, 102 en contra e 19 abstencións.

Outras formacións

Por outra banda, o Executivo aprobou subvencións por valor de 128 millóns de euros destinadas a financiar formacións dirixidas a traballadores, ocupados e desempregados, que beneficiarán a máis de 70.000 persoas.

Estas axudas irán dirixidas a traballadores de baixa cualificación que actualmente estean en ERTE ou con contratos temporais, a traballadores con necesidade de formacións máis especializadas e a desempregados que queiran formarse en sectores altamente estratéxicos.

"É un importante investimento para mellorar as oportunidades e a futura empregabilidade", puntualizou Alegría.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade