Chega a Galicia Finexit, unha 'scape room' financieira para alumnos de FP
Chega a Galicia Finexit, unha 'scape room' financieira para alumnos de FP
Busca que os estudantes aprendan xogando conceptos básicos de economía
España está á cola dos países europeos en cultura financeira
Teñen unha misión en Marte que só resolverán se saben manexarse con conceptos financeiros básicos que poden resultar extraterrestres para a maioría do alumnado.
"Moitas de nós non temos nin idea, e son cousas que resultan moi interesantes porque valen para a vida".
"É curioso porque é algo moi necesario e case non nos ensinan nada nas aulas".
"É un mundo complicado, queda moito por aprender para ter algo de coñecemento de finanzas", din algunhas das participantes no xogo.
Guiadas pola simpática androide, estas alumnas de protésico dental aprenden a cambiar divisas ou a facer unha análise empresarial DAFO.
"Temos xente de todos os ciclos de formación profesional, desde peiteado a finanzas, porque isto é importante para a vida diaria, que logo saen ao mundo e non saben o que é unha nómina ou un plan de pensións", explica Irene Hernández, dinamizadora de Finexit.
Segundo o último informe PISA, España está 12 puntos por baixo da media europea en competencias financeiras. Só catro de cada dez mozos sabe, por exemplo, interpretar unha factura. E esa falta de formación pode ter consecuencias.
"A xente que ten certos coñecementos financeiros vai tomar mellores decisións, vai planificar mellor a súa economía persoal e familiar, vai saber investir mellor e saber ata onde endebedarse. Tamén é interesante para o desenvolvemento económico do país, porque este coñecemento está conectado co emprendemento", analiza a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Rosa Cardeso Trillo.
Uns 5.000 estudantes de 100 cidades pasarán pola base espacial de Finexit, que esta semana aterra en Galicia da man da Cámara do Comercio e a Fundación Mapfre.