Publicador de contidos
Publicador de contidos

A nova proba de acceso á universidade valorará as capacidades de razoamento do alumnado

A nova proba de acceso á universidade valorará as capacidades de razoamento do alumnado

A PAU deixará atrás un modelo baseado principalmente na memorización

Nos exames valorarase o pensamento crítico, a corrección gramatical, léxica e ortográfica dos textos elaborados polos estudantes

A nova proba estrearase no ano 2025

G24.gal 15/06/2024 13:53

Esta semana o alumnado coñeceu as súas cualificacións nas probas de acceso á universidade. Este ano aprobou o 96 % dos estudantes que se presentaron. Os exames da convocatoria extraordinaria desenvolveranse na primeira semana de xullo.

Este foi o último ano da ABAU tal e como a coñecemos. A partir do próximo curso falaremos xa da PAU, a proba de acceso á universidade aprobada polo Goberno esta semana, que trae novidades significativas.

A nova proba de acceso á universidade deixará atrás un modelo baseado principalmente na memorización e dará paso a outro de aprendizaxe por competencias. Nos exames valorarase o pensamento crítico e as capacidades de razoamento.

"Pasamos dun exame moi clásico a un exame, que vén regulado pola lei de Educación LOMLOE, que se chama competencial. O que se vai facer é poñerlles un contexto próximo ao alumnado que teñen que ler, que teñen que entender. Tamén pode incluír datos innecesarios que terán que aprender con lectura comprensiva que iso non é relevante para o exercicio. É un proceso moito máis complexo e moito máis laborioso", di Iván Area, coordinador da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).

Na nova proba haberá un único modelo de exame para cada materia.

A PAU estrearana no 2025 o alumnado que comece este outono segundo de bacharelato. 

"Ese exame competencial, ata que os estudantes se acostumen a facer lectura comprensiva ao mellor tardamos un pouquiño. O alumnado ten que adestrar este novo sistema e é algo que non se fai dun día para outro. Nós estamos defendemos e defenderemos que sexa unha implantación progresiva, paulatina para que todo o alumnado teña as mesmas oportunidades", engade Iván Area. 

Entre os criterios que se van ter en conta na valoración das probas no curso vindeiro inclúese ademais das capacidades de razoamento, a coherencia e cohesión, a corrección gramatical, léxica e ortográfica dos textos elaborados polo alumnado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade