Publicador de contidos
Publicador de contidos

A OCDE eleva ao 1,8 % a previsión de crecemento da economía española deste ano

A OCDE eleva ao 1,8 % a previsión de crecemento da economía española deste ano

A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico revisou tres décimas á alza as previsións de 2024 e mantén no 2 % as de 2025

Estima que España necesita un axuste fiscal máis forte para conseguir reducir a débeda por mor do crecente gasto en pensións

G24.gal 02/05/2024 09:08 Última actualización 02/05/2024 09:42

A Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE) revisou tres décimas á alza a súa previsión de crecemento para España en 2024, que estima agora no 1,8 %, mentres que mantén a expectativa dun rebote da actividade ata o 2 % para 2025.

Deste xeito, no informe semestral de perspectivas publicado este xoves, España volve desmarcarse das outras grandes economías europeas, que sofren un estancamento desde o comezo da guerra de Ucraína.

Así as cousas, a economía española seguirá crecendo este ano e o seguinte por riba da media da zona euro, cuxa expansión revisou á alza a OCDE ata o 0,7 % e o 1,5 %, respectivamente. En 2024 España medrará máis do dobre que o conxunto da zona euro e farao a un ritmo moi superior ao dos seus socios europeos, se o comparamos con  Francia (0,7 %), Italia (0,7 %) ou Alemaña (0,2 %).

"O consumo privado sustentará o crecemento apoiado por un mercado laboral resistente e aumentos dos ingresos reais", apunta a OCDE. No seu último informe estima que a taxa de inflación harmonizada de España caia ao 3 % en 2024 e ao 2,3 % en 2025, mentres que o dato subxacente baixaría ao 2,9 % este ano e ao 2,2 % o seguinte.

investimento seguirá sendo débil en 2024, aínda que confía en que aumentará en 2025 debido á implementación do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (RTRP).

As proxeccións da OCDE apuntan a que o déficit orzamentario de España caerá este ano ao 3,3 % do PIB desde o 3,6 % do ano pasado, mentres que para 2025 a organización espera que se reduza ao 2,6 %.

En canto á débeda pública, as previsións prevén que se sitúe este ano no 107,1 % do PIB, para baixar ata o 106,7 % un ano despois.

Axuste fiscal máis forte para facer fronte ao elevado gasto en pensións

A OCDE considera "elevado" o peso da débeda na economía española ante o crecente gasto en pensións. Cre que España "necesitará unha consolidación fiscal máis forte e sostida no medio prazo" para manter este indicador nunha traxectoria descendente, cumprir coas regras fiscais propostas pola UE e crear espazo para futuras prioridades de gasto.

No curto prazo, para conter os custos fiscais, a Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico fai varias recomendacións: habilitar unha liña de axudas para os máis vulnerables para mitigar o impacto dos prezos da enerxía, ampliar gradualmente a base do IVE, rebaixando o tipo reducido de moitos produtos e servizos e incrementando os impostos medioambientais.

En paralelo, o coñecido como "club dos países desenvolvidos" aconsella un conxunto de medidas para impulsar o crecemento sostible, que pasan por aumentar a produtividade potenciando a innovación, mellorar as políticas educativas e a cualificación dos traballadores e renovar as políticas activas de emprego para adecuar a man de obra ás necesidades do mercado laboral.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos