O avance da intelixencia artificial acelera o cambio do mercado laboral

Elon Musk augura que a IA permitirá un futuro sen necesidade de postos de traballo

A OCDE indica que o 28 % dos empregos en España corre o risco de automatizarse

A banca e o sector industrial, entre os sectores máis afectados pola automatización

G24.gal 04/11/2023 14:42 Última actualización 04/11/2023 16:50

Segundo a OCDE, a intelixencia artificial trae unha revolución na economía que afectará a case todos os postos de traballo. 

A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico prevé a automatización do 28 % dos empregos en España nos vindeiros anos pola influencia da intelixencia artificial, das TIC e da robótica.

"A nova intelixencia artificial xenerativa axuda a facer labores de secretariado, de procesamento e introdución de datos, eses traballos, os traballos máis mecánicos son os que teñen máis risco", di Luís Otero, catedrático de Economía Financeira da USC.

Mentres Elon Musk aseguraba estes días nun cumio sobre a seguridade da intelixencia artificial que esta tecnoloxía vai permitir un mundo no que ningún posto de traballo sexa necesario, outros expertos aseveran que, ben sexa por custos ou por normativa, é posible que moitos empregos non acaben sendo substituídos pola IA.

"Nós vivimos a etapa da Internet, da introdución dos PC... e ao final aquí estamos todos traballando pero o certo é que esta é unha revolución nova, polo que as empresas e os traballadores terán que formarse", engadiu.

A incógnita está en se a intelixencia artificial permitirá un futuro no que as xornadas laborais sexan máis curtas e no que se distribúa mellor a riqueza ou se pola contra favorecerá unha maior concentración de poder, de maior presenza de monopolios e o incremento das desigualdades... Todo dependerá, en gran medida, dos órganos reguladores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade