Desafíos económicos globais: que reserva o 2024?, por María Cadaval
OPINIÓN
Desafíos económicos globais: que reserva o 2024?, por María Cadaval
Nun contexto global marcado por desafíos económicos, as tendencias actuais melloraron as previsións máis sombrías. Aínda que se evidenciou unha desaceleración no crecemento das grandes potencias no ano 2023, a solidez do mercado laboral e a redución dos niveis de débeda privada proporcionaron aos fogares e empresas a capacidade para afrontar a abrupta suba dos tipos de xuro e a inflación.
En medio da incerteza global, tanto o Fondo Monetario Internacional como diversos centros de estudos e analistas coinciden en sinalar unha desaceleración suave para o 2024 para os EUA e Europa. Factores como a resiliencia reforzada dende a Gran Recesión, a reestruturación de débedas e a continuidade de estímulos fiscais derivados da pandemia contribúen a esta previsión menos pesimista. Non obstante, a economía global aínda afronta desafíos, á espera do cisne negro que toque, especialmente relacionados coa desaceleración na China e a inestabilidade xeoestratéxica.
A economía española superou o ano 2023 con mellores resultados dos inicialmente previstos. Mentres a eurozona se achegaba á recesión, España medrou levando como lastre a inflación, a suba dos tipos e factores desestabilizadores como a incerteza xeopolítica e as citas electorais pasadas e futuras. Neste contexto, a OCDE, o FMI ou o Banco de España revisaron á baixa as previsións de crecemento neste ano. Os obstáculos que antes eran leves vólvense cada vez máis significativos e súmanse a problemas crónicos, como a baixa produtividade e unha débeda elevada. Ademais de estar aínda a medio facer o reto da transición enerxética e da dixitalización.
Nun exercicio en que o apoio da política monetaria será mínimo e as presións inflacionistas, aínda que menores, continuarán a erosionar o poder adquisitivo das persoas, non axudan, ao tempo que algún dos principais socios comerciais, como Alemaña, están en recesión técnica. O Goberno deberá poñer en funcionamento mecanismos de consolidación fiscal ao tempo que terme por un crecemento da economía nunha etapa de desaceleración mundial. A disciplina fiscal exixe déficits contidos e redución da débeda pública, nun contexto en que os orzamentos están prorrogados e as medidas de axuste chegarán con atraso.
O desemprego, pese ao comportamento positivo dos últimos anos, segue por riba dos dous díxitos, con ameazas e oportunidades derivadas da transformación enerxética e dixital. Cómpre poñer o foco na educación e adaptar a oferta de traballo á demanda para que, sobre todo, a xente máis nova teña acceso a un traballo en condicións dignas. As presións inflacionistas, aínda que diminúan, continuarán a erosionar o poder adquisitivo das familias, o que dificulta aínda máis o acceso a unha vivenda, un dos principais problemas sociais a que se enfronta o país.
Mais o gran reto da economía española neste ano 2024 seguirá a ser o da produtividade, que leva estancada varios lustros. Pequenas empresas e sectores pouco produtivos gañan espazo fronte ás grandes empresas que poden posicionarse en mercados globais. É vital a atracción de investimento estranxeiro directo nun momento en que a formación bruta de capital fixo está por baixo dos niveis prepandemia.
Con todo, o maná dos Fondos Next Generation EU segue sen despregar toda a súa potencialidade, polo que cada vez queda menos tempo para poder investir de xeito produtivo a inxección millonaria procedente de Europa, ou perderase durante moito tempo o tren do crecemento. España está á cola en termos de execución, sobre todo en investimento produtivo e de alto valor engadido.
Ábrense así novas oportunidades pero tamén novos desafíos que se deberán atender.