Liberdade económica, a materia que non damos aprobado, por Venancio Salcines
OPINIÓN
Liberdade económica, a materia que non damos aprobado, por Venancio Salcines
España, na súa memoria, só se recorda estatalista. É o natural: a República, o franquismo, a democracia, diferentes etapas pero cunha mesma obsesión, que o Estado non perda o seu poder. Tantas décadas con tan poucos cambios soamente levan a unha dirección, pensar que non existe outro camiño que reforzar o peso do Estado.
E aquí, o goberno ten grandes aliados, os seus socios de goberno, que non ven outro mundo que a presión fiscal, e as forzas independentistas, que cada vez que pensan nunha política económica soamente se lles ocorre a que fustriga o empresario e apodera aínda mais o poder público.
E se o único denominador común do goberno e os seus aliados é a presión fiscal, pois o normal é que esta suba; non pode ser de outra maneira. Pero España e Galicia non é a terra bucólica de antano, onde as ideas socialistas e comunistas alimentaban revolucións. Somos un país maduro, e isto leva a un só camiño: o coidado das rendas familiares e os investimentos privados, aquí está a base de todo crecemento económico.
Non podemos medrar se as familias non medran e non podemos xerar emprego se as empresas non invisten. E isto supón falar de liberade económica, a materia que, de modo crónico, suspende eternamente a economía española e que neste goberno parece encontrar un dos seus peores inimigos. Por iso, baixa ao seu peor nivel dos últimos vinte cinco anos. A economía española é dos peores países da OCDE, o trinta e un de trinta e oito, e de cara á Unión Europea, o vinte e tres de vinte e sete O motivo? A elevada débeda, a ineficiencia do noso gasto público, a gobernación pública e a forte carga impositiva. Pode que por natural este marco económico o vexamos como normal, pero non o é: o Instituto de Estudos Económicos, conxuntamente coa fundación Heritage acaba de recordárnolo.