Publicador de contidos
Publicador de contidos

A OCDE sobe ao 2,1 % a previsión de crecemento para España no 2023 e ao 1,9 % no 2024

A OCDE sobe ao 2,1 % a previsión de crecemento para España no 2023 e ao 1,9 % no 2024

É superior ao de todas as grandes economías desenvolvidas, coma os Estados Unidos ou o Xapón

G24.gal 07/06/2023 09:41

A OCDE mellorou as súas perspectivas para a economía española e anticipa un crecemento do 2,1 % este ano, que de confirmarse sería o máis forte dos grandes países desenvolvidos, e un 1,9 % o próximo.

No seu informe semestral de perspectivas publicado este mércores, a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) revisa á alza en catro décimas as súas propias estimacións do mes de marzo para 2023 e en oito as que fixera en novembro.

É algo máis optimista que a Comisión Europea, que a mediados de maio augurara unha progresión do produto interior bruto (PIB) do 1,9 %, e alíñase coas proxeccións do Goberno, que no Programa de Estabilidade que enviou a Bruxelas en abril calculara tamén un 2,1 %.

É verdade que iso supón un ritmo de progresión que non chega nin á metade do dos dous últimos anos (5,5 %), que foron de recuperación tras o abismal trompazo que sufriu España pola covid-19 en 2020 (-12,2 %), pero é máis do dobre do que se espera para o conxunto da zona euro (0,9 %).

E é superior ao de todas as grandes economías desenvolvidas, como son os Estados Unidos (1,6 %), Corea do Sur (1,5 %), Xapón (1,3 %), Canadá (1,4 %) e Australia (1,8 %).

Por non falar dos pesos pesados europeos, que aínda están nun estado de convalecencia peor que o de España polo choque da guerra en Ucraína nos prezos enerxéticos e alimentarios, con subidas anémicas do PIB do 1,2 % en Italia ou do 0,8 % en Francia, por non falar do 0,3 % no Reino Unido e do estancamento puro e duro de Alemaña.

O quinto país con maior crecemento da OCDE

Este ano só haberá catro países da OCDE que terán un crecemento superior ao de España: Grecia (2,2 %), Portugal (2,5 %), Costa Rica (2,8 %) e Israel (2,9 %).

En canto ao ano que vén, aínda que o 1,9 % en termos históricos é unha cifra relativamente baixa, son dúas décimas máis que na anterior previsión da propia OCDE e é case o mesmo que o que calculou a Comisión Europea (2 %), cando o Goberno de Pedro Sánchez confía nunha aceleración (2,4 %).

Os autores do estudo consideran que, no contexto da invasión rusa de Ucraína iniciada en febreiro de 2022, "a economía española comportouse notoriamente ben", e para ilustralo refírense a que o PIB aumentou un 0,5 % no primeiro trimestre do ano e un 3,8 % en doce meses.

As claves dese resultado son a mellora da confianza das empresas e dos consumidores (aínda que a destes últimos segue moi baixa), o dinamismo do mercado laboral, cunha taxa de desemprego que pasou do 13 % en decembro ao 12,7 % en abril e unha inflación que se situou no 2,9 % interanual en maio segundo o índice harmonizado (3,2 % no IPC).

A OCDE, con todo, non cre que a inflación se vaia quedar nese nivel, que é en parte o efecto matemático duns prezos da enerxía que baixaron moito despois de aumentar tamén moito, e anticipa un 3,9 % de media este ano e outro tanto en 2024.

Son cifras, sobre todo as deste ano, das máis baixas en Europa e mesmo no G20.

Como en todos os países da OCDE salvo Corea do Sur, por mor da inflación os salarios en España perderon poder adquisitivo entre o segundo semestre de 2021 e o segundo de 2022, en concreto un 2,66 %, menos que en Italia (4,39 %), que en Alemaña (4,08 %) ou que no Reino Unido (2,74 %), pero máis que nos Estados Unidos (2,49 %) ou en Francia (1,27 %).

Con todo, as estatísticas do ingreso real dispoñible, que é un indicador que integra impostos, cotizacións e prestacións, poñen en evidencia que nese período España foi un dos once países da organización (hai 38) en que aumentou (un 0,56 %).

España seguirá sendo o pechacancelas do paro na OCDE, a pesar de que a taxa de desemprego baixará do 12,9 % de media o pasado ano ao 12,8 % en 2023 e ao 12,4 % en 2024.

E en canto ao déficit público, os expertos da organización consideran que vai reducirse pero de forma moderada, do 4,8 % do PIB en 2022 ao 3,5 % este ano e ao 3,2 % en 2024. Iso permitirá tamén recortar a débeda pública xusto por baixo do limiar simbólico do 110 % o próximo exercicio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade