Publicador de contidos
Publicador de contidos

A ONU advirte: existe un perigo elevado de accidente nuclear en Zaporijia

A ONU advirte: existe un perigo elevado de accidente nuclear en Zaporijia

Rafael Grossi, director da OIEA: "Pido urxentemente o cesamento inmediato de todos os bombardeos en toda a zona"

G24.gal 09/09/2022 17:45

O director xeral do OIEA -a axencia nuclear da ONU-, Rafael Grossi, fixo este venres unha dramática advertencia sobre un posible accidente na planta nuclear ucraína de Zaporiyia, ocupada por Rusia, despois de que un bombardeo cortase onte á noite a conexión eléctrica exterior coa central.

"Polo aumento e a continuidade dos bombardeos, hai poucas probabilidades de restablecer unha subministración fiable de enerxía fóra das instalacións da central atómica", asegurou o responsable do Organismo Internacional de Enerxía (OIEA), quen cualificou a situación como "completamente inaceptable".

"Este dramático acontecemento demostra a absoluta necesidade de establecer xa unha zona de protección da seguridade nuclear. É a única maneira de garantir que non nos enfrontemos a un accidente nuclear", conclúe Grossi o seu comunicado escrito, que vén acompañado por un vídeo mensaxe.

"Unha central nuclear nunca debe ser un instrumento de guerra"

"Permítanme ser claro, os bombardeos ao redor da central nuclear de Zaporiyia deben cesar e débese acordar inmediatamente unha zona de protección e seguridade nuclear", dixo o director nesa mensaxe de vídeo.

"Unha central nuclear nunca debe ser un instrumento de guerra. O seu destino non debe decidirse por medios militares. As consecuencias de accións así son demasiado graves. O OIEA está na central nuclear de Zaporijia e pode facilitar a implantación da zona. Non hai tempo que perder", concluíu.

O OIEA ten desde o inicio da semana a dous dos seus expertos situados na planta ucraína, que informan o organismo sobre o que sucede alí.

"A infraestrutura eléctrica que alimenta a Enerhodar, onde viven os operadores da central nuclear e as súas familias, foi destruída polo bombardeo da central térmica da cidade, o que provocou un apagamento total en Enerhodar: non hai auga corrente, nin electricidade, nin rede de sumidoiros", explicou Grossi.

Como resultado, advirte o director xeral, "o OIEA entende que o operador (ucraíno), ao non ter xa confianza no restablecemento da enerxía externa, está a considerar pechar o único reactor que queda en funcionamento".

Segundo o OIEA, a central dependería, nese caso, por completo dos xeradores diésel de emerxencia para garantir as funcións vitais de seguridade e protección nuclear.

Como consecuencia, agrégase na nota de Grossi, "o operador non podería volver poñer en marcha os reactores a menos que se restableza de forma fiable a enerxía fóra do lugar".

Por outra banda, advirte de que miles dos empregados ucraínos da planta viven en Enerhodar.

As malas condicións alí fan que aumente o risco de que se vexa afectada a dispoñibilidade do persoal esencial para seguir operando a central de forma segura.

"Trátase dunha situación insostible e cada vez máis precaria. Enerhodar quedouse ás escuras. A central non ten enerxía externa. E vimos que unha vez que se repara a infraestrutura, volve danar", advertiu Grossi.

"Por tanto, pido urxentemente o cesamento inmediato de todos os bombardeos en toda a zona", esixiu.

"Só así se poderá garantir a seguridade do persoal operativo e permitir o restablecemento duradeiro da enerxía en Enerhodar e na central eléctrica", asegurou Grossi, quen non identificou os autores dos bombardeos.

O exército ruso ocupa desde o 4 de marzo a planta de Zaporiyia, a máis grande de Europa, con seis reactores e uns 10.000 empregados, que a operan, e desde hai un meses Ucraína e Rusia acúsanse mutuamente dos ataques ao redor da central. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade