Publicador de contidos
Publicador de contidos

A ONU conclúe que Rusia cometeu crimes de guerra en Ucraína

A ONU conclúe que Rusia cometeu crimes de guerra en Ucraína

"Impactounos o gran número de execucións perpetradas nas áreas que visitamos", asegura o presidente da comisión 

Torturas, violacións e ataques indiscriminados contra a poboación civil, son algunhas das atrocidades denunciadas pola ONU

Ucraína pide un tribunal específico para xulgar estes crimes

Sen recoñecemento internacional, Rusia inicia os referendos para integrar territorios ucraínos

Atacan con cócteles molotov centros de recrutamento en Rusia

G24.gal 23/09/2022 12:06 Última actualización 23/09/2022 20:58

A misión de investigación da ONU en Ucraína concluíu, tras visitar ese país en xuño, que Rusia cometeu crimes de guerra durante a súa invasión deste país, destacou hoxe o presidente desta comisión tripartita, Erik Mose, na súa comparecencia ante o Consello de Dereitos Humanos de Nacións Unidas.

"Impactounos o gran número de execucións perpetradas nas áreas que visitamos", sinalou o experto noruegués, quen indicou que a misión investiga este tipo de asasinatos en 16 localidades ucraínas, aínda que recibiu denuncias cribles de crimes deste tipo en moitos outros lugares.

Moitos destes asasinatos perpetráronse en persoas previamente detidas, destacou Mose, quen indicou que numerosos falecidos presentaban as mans atadas ás costas, feridas na cabeza e cortes na garganta, indicios que demostran que se tratou de execucións sumarias.

O presidente da comisión tamén denunciou que soldados da Federación Rusa cometeron violencia sexual e de xénero, a vítimas "de entre catro e 82 anos", e que nalgúns casos os seus familiares foron forzados a ver como esas persoas eran maltratadas ou torturadas.

A misión -formada tamén polo colombiano Pablo de Greiff e a bosníaca Jasminka Dzumhur- "documentou casos nos que nenos foron violados, torturados e detidos ilegalmente", sendo asasinados nalgúns casos.

Testemuñas entrevistadas pola misión denunciaron ser sometidos a malleiras, descargas eléctricas e nudez forzada durante detencións ilegais, nalgúns casos despois de ser levados desde Ucraína a territorio ruso.

O experto noruegués tamén denunciou o reiterado uso de artefactos explosivos en zonas non militares, que afectaron áreas residenciais, escolas, hospitais e outras infraestruturas, que segundo a Oficina de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos provocaron a morte duns 6.000 civís en sete meses de conflito.

"Unha parte dos ataques que investigamos foron lanzados sen distinción entre civís e combatentes", sinalou Mose, aludindo a unha das probas de posibles crimes de guerra.

As conclusións son as primeiras que comunica a misión desde a súa creación por parte do Consello de Dereitos Humanos o pasado mes de marzo, e cobre especialmente actos perpetrados en febreiro e marzo nas zonas próximas a Kiev, Chernihov, Járkov e Sumi.

"O recente descubrimento de máis fosas comúns ilustra a gravidade da situación", destacou o presidente da comisión, quen indicou que as autoridades ucraínas colaboraron con eles nas pescudas, mentres que Rusia por agora negouse a comunicarse con eles.

Mose matizou que a misión recolleu dous incidentes de malos tratos a soldados rusos por parte de forzas ucraínas, un tipo de crimes que "aínda que son menores en número, seguirán suxeitos á nosa atención". 

Ucrania pide un tribunal específico para xulgar os crimes de guerra

A delegación de Ucraína ante o Consello de Dereitos Humanos da ONU pediu hoxe a creación dun "tribunal con xurisdición específica" sobre a agresión rusa ao seu país.

"Se estes actos de agresión por parte dun membro permanente do Consello de Seguridade da ONU non son respondidos, afundirémonos nun escuro mundo de impunidade e permisividade", afirmou o embaixador extraordinario ucraíno.

 Anton Korinevich asegurou que as atrocidades rusas "non se viron en Europa desde hai décadas".

O diplomático comparou a brutalidade dos crimes do réxime de Putin en Ucraína cos labores en conflitos como os da antiga Iugoslavia, Ruanda e a República Democrática do Congo, e pediu á misión da ONU que siga traballando para garantir que, como nesas guerras, "non haxa impunidade para os perpetradores". 

Ataques nas oficinas de recrutamento de Rusia

En Rusia, continúa a mobilizacion de reservistas. O Goberno ruso difundiu as imaxes dalgunhas destas oficinas de recrutamento a onde acoden os menores de 35 anos chamados a filas.

Medios locais informan de ataques con cócteles molotov contra 6 destes centros. Outras imaxes reflicten a dor das familias dos enviados á guerra, aos que se dirixía nas últimas horas o presidente ucraíno.

"Cincuenta e cinco mil soldados rusos morreron nesta guera nos últimos seis meses e hai milleiros máis feridos e mutilados. Queredes máis? Non? Entón protestade, loitade, fuxide ou rendédevos ás forzas ucraínas. Tedes opcións para sobrevivir", dixo Volodimir Zelensky.

Na fronteira con Finlandia, medran as ringleiras de vehículos. Na última semana, duplicouse a cifra de cidadáns rusos que tentan saír do país por aquí.

Este venres comezaron nos territorios ocupados os referendos de anexión a Rusia.

"Volvemos a brazos da nosa terra nai", conta unha muller en Donetsk. "É o primeiro paso para o restablecemento da Unión Soviética", comenta un home.

As consultas , que durarán cinco días, violan, segundo a ONU, a lei internacional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade