Publicador de contidos
Publicador de contidos

A operación para deter a Vidal Padín, o Burro, desencadéase ao detectar a súa presenza en Galicia

A operación para deter a Vidal Padín, o Burro, desencadéase ao detectar a súa presenza en Galicia

Os investigadores atoparon nos rexistros cartos, pero pouca cantidade, tres embarcacións, unha con catro motores foraborda, moldes para a construción de lanchas e teléfonos encriptados, pero non atoparon droga

Das acusacións iniciais só se mantén, polo momento, a de contrabando

G24.gal 12/04/2024 12:39

Juan Manuel Vidal Padín, alias o Burro, é un vello coñecido das forzas de seguridade, que dende hai anos o tiñan no punto de mira. Non obstante, ata o de agora non atoparan ningunha proba que permitise procesalo por narcotráfico.

As cousas mudaron esta semana. Aos investigadores constáballes que vivía en Colombia, pero ao detectarse a súa presenza en Galicia lanzaron unha operación que chamaron 'Volandas' e que levou a súa detención o martes pasado nunha nave dunha empresa náutica que ten en Vilaxoán, Vilagarcía de Arousa.

Sospeitaban da súa relación co narcosubmarino Poseidón, que apareceu na ría de Arousa hai un ano, e do que se sospeita que transportaba uns 5.000 quilos de cocaína, e coas planadoras localizadas en praias de Ribeira días antes, que inicialmente tiñan a misión de transbordar a droga do batiscafo, misión que non lograron realizar.

Non obstante, os rexistros realizados tras o arresto de Vidal Padín non permiten polo momento imputarlle delitos máis alá do de contrabando.

Producíronse tres entradas en domicilios e locais, entre eles o da propia nave de Vilaxoán, e neles atopouse unha cantidade non moi importante de euros, efectivo en pesos colombianos, tres embarcacións lixeiras, unha con catro motores foraborda, moldes para construír embarcacións de alta velocidade, teléfonos encriptados e un vehículo de alta gama. O que non atoparon foi droga.

Na operación, realizada de forma conxunta por Garda Civil, Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira, tamén foron detidas outras catro persoas, tres noutras tantas localidades pontevedresas -Sanxenxo, Cambados e Vilanova de Arousa- e outra, en Forteventura.

Coas probas localizadas polo momento os delitos polos que foron detidos, -tráfico de drogas, contrabando, e pertenza a organización criminal-, quedan no aire. Tres dos arrestados quedaron libres en sede policial, mentres que o detido nas Canarias pasou a disposición xudicial en Fuerteventura.

No caso do Burro, quedou en liberdade tras prestar declaración no xulgado de Vilagarcía, aínda que investigado por un delito de contrabando, que se lle atribúe pola posesión das planadoras, que foron declaradas ilegais tras unha reforma do Código Penal en 2018. Ten a obriga de presentarse cada quince días no xulgado.

Os investigadores teñen traballo por diante para tratar de montar o quebracabezas, coa busca de novas probas ou coa análise das obtidas nos rexistros, que permita imputar unha acusación maior.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade