A operación silenciosa que seguiu o globo de Betanzos por media provincia
A operación silenciosa que seguiu o globo de Betanzos por media provincia
A coordinación entre brigadas forestais para que o globo non provocase un incendio foi un éxito de prevención
E por fin, ao segundo intento, este ano púidose soltar o globo de Betanzos.
E mentres centos de persoas respiraban aliviadas e gozaban do espectáculo de ver o seu globo polo aire, empezaba un traballo silencioso pero importantísimo: a coordinación das brigadas antiincendios que seguiron o globo durante 26 quilómetros ata Ordes.
Cando o globo caeu ao chan había xa un equipo preparado para apagar as súas lapas.
Seguindo as rodeiras que deixou a Brigada Forestal de Ordes, dámonos conta da enorme importancia do seu traballo.
No medio dunha matogueira seca de toxo e silvas, á beira dunha plantación forestal, e do núcleo de casas de Queirúa caeu ardendo o globo de Betanzos.
De feito, o lume chegou a prender na vexetación.
Pero as brigadas forestais da provincia coordináronse para seguilo durante quilómetros para que non provocase un incendio.
"En canto o vimos aínda ía alto e a bastante velocidade. Fomos detrás del. Tivo varios cambios co vento e nun momento perdémolo pero volvémolo atopar. Cando caeu ardeu o papel e prendeu nos toxos e silvas pero como vimos onde caera chegamos rápido e démolo apagado", Di Yago Ramos, un dos brigadistas que participou na operación.
Eran arredor das dúas da mañá cando a brigada celebraba o seu éxito: apagar un pequeno lume para evitar un grande incendio. E facelo mentres os veciños dormen para que cando chegue o novo día o monte estea intacto. Un traballo de prevención impagable e hoxe máis necesario ca nunca.