A OTAN avisa dun sobrevoo "perigoso" de cazas rusos a buques da Alianza
A OTAN avisa dun sobrevoo "perigoso" de cazas rusos a buques da Alianza
Advirte que "responderá axeitadamente a calquera interferencia" e precisa que "non busca a confrontación"
A OTAN asegura que uns cazas rusos sobrevoaron o xoves desta semana buques da Alianza Atlántica no mar Báltico de xeito "perigoso e non profesional". Nun comunicado, indica que os avións rusos aproximáronse aos barcos a unha altitude de 300 pés (91 metros) e unha distancia de 80 iardas (73 metros) sen que os pilotos respondesen as comunicacións.
"Na mañá do 17 de novembro, dous avións de combate rusos achegáronse de forma pouco segura e pouco profesional ao Grupo Marítimo Permanente da OTAN 1 (SNMG1), que realizaba operacións de rutina no mar Báltico", explica o comunicado.
O ocorrido "aumentou o risco de erros de cálculo e accidentes", engade.
"As forzas da OTAN actuaron de maneira responsable, realizando a súa misión, en pleno cumprimento das normas internacionais aéreas e marítimas", precisa.
A Alianza advirte de que "responderá axeitadamente a calquera interferencia coa actividade legal da OTAN na área que poña en perigo a seguridade das nosas aeronaves, barcos ou as súas tripulacións". Ademais, precisa que "non busca a confrontación e non representa ningunha ameaza".