Publicador de contidos
Publicador de contidos

A pandemia afectou a saúde mental da metade da poboación, cun incremento do 10 % das depresións graves

A pandemia afectou a saúde mental da metade da poboación, cun incremento do 10 % das depresións graves

44.000 persoas son diagnosticadas cada ano de depresión en Galicia

No día de loita contra esta doenza, os especialistas reclaman máis recursos

A depresión é a principal causa de incapacidade laboral 

G24.gal 13/01/2022 10:47

A metade da poboación sufriu algún síntoma relacionado con problemas de saúde mental desde que comezou a pandemia, e as depresións graves medraron un 10 por cento con esta emerxencia sanitaria global.

No Día da loita contra a depresión, os especialistas en saúde mental chaman a atención sobre estas cifras, porque a depresión é un dos máis importantes problemas de saúde pública. En Galicia, diagnostícanse cada ano 44.000 novos casos de depresión e hai un total de 225.000 persoas a tratamento por problemas de saúde mental.

O presidente da Asociación Galega de Psiquiatría, José Ramón Silveira, explica que "a pandemia empeorou a saúde mental claramente" e advirte, ademais, de que os datos que se manexan son probablemente moi inferiores á situación real. "Porque o gran problema da depresión é que é unha enfermidade silente, cun 50 por cento dos casos no mundo sen diagnosticar nin tratar".

E mesmo así, durante 2020 a depresión foi a principal causa de incapacidade laboral temporal. Calcúlase que o 12 por cento das persoas con depresión acabará tendo unha incapacidade laboral permanente.

As ideas suicidas tamén xorden nas persoas que sofren depresión. Das máis de 3.600 persoas que se suicidaron o ano pasado, máis da metade tiñan depresión. Nese sentido, os psiquiatras demandan máis recursos, sobre todo humanos, para atender este problema. 

Máis recursos e capacidade de atención

"Hai que desenvolver o plan de atención á saúde mental en Galicia; estanse dando os primeiros pasos pero queda moito por andar para chegar xa non só aos estándares europeos, estamos moi moi por debaixo do estándar nacional", denuncia Silveira, que engade: "Ademais agora estamos desbordados pola pandemia e necesitados de moitos máis recursos e capacidade de atención".
 

Este psiquiatra lembra: "O que necesita o paciente é acompañamento do profesional, o psiquiatra e o psicólogo teñen que estar aí", máis aló de que sexa o médico de Atención Primaria quen inicie o seguimento e o tratamento dun paciente.

Mais, como distinguir a depresión da tristeza? Os expertos téñeno claro. "Se dubidamos, o primeiro é ir ao médico". Porque hai signos que os especialistas poden identificar. "Non é só tristeza, hai outros síntomas que non son facilmente detectables e que inclúen falta de vitalidade, perda de interese e incapacidade de gozar das pequenas cousas da vida", explica. Engade que a sensación de "anestesia, de deixar de sentir que queremos os nosos familiares" é outro síntoma.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade