Publicador de contidos
Publicador de contidos

A patronal eólica teme que a decisión do TSXG de non consultar a UE atrase máis os proxectos

A patronal eólica teme que a decisión do TSXG de non consultar a UE atrase máis os proxectos

O presidente da Asociación Eólica de Galicia (EGA) pide que a xustiza galega desista de maneira definitiva desa consulta europea para "desatascar" proxectos que implican "14.000 empregos e 7.000 millóns de investimento"

Manuel Pazo avoga por un pacto político en Galicia para garantir o desenvolmento do sector eólico e evitar a deslocalización de proxectos

Considera "perfectamente compatible o sector pesqueiro co sector enerxético eólico mariño"

G24.gal 17/04/2024 11:01 Última actualización 17/04/2024 11:17

O presidente da Asociación Eólica de Galicia (EGA), Manuel Pazo, teme que a renuncia temporal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), por defecto de forma, á consulta ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) sobre os eólicos "demore máis o tempo de resolución do tribunal europeo". Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega entende que "de novo, empeza o procedemento e, probablemente, se segue coa súa interpretación, seguirá consultando ao tribunal europeo. Nestes momentos, é bastante probable que volva solicitar a consulta no tribunal europeo".

Manuel Pazo avoga por que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desista desa consulta europea sobre algúns aspectos da tramitación dos proxectos eólicos por parte da Xunta. Afirma que iso "desatascaría o sector e o que se trata é que despois de ter unhas autorizacións administrativas, unhas declaracións de impacto ambiental da Administración galega, que é igual ás das outras administracións do Estado, poderíanse instalar estes 3.000 megawatts que actualmente están autorizados e que están vinculados a novas industrias que pretenden implantarse en Galicia. Estamos a falar de máis de 14.000 empregos, de máis de 7.000 millóns de investimento que están en xogo para o futuro económico e enerxético de Galicia".

Explica que "a realidade é que nestes momentos non hai un parque en construción en Galicia. Hai algún pequeno que está rematándose, pero a realidade é que nos últimos catro anos apenas se instalou nada en Galicia. Este é un gravísimo problema, sobre todo, nestes momentos en que estamos nun conflito xeopolítico importante. A China está investindo a metade da potencia eólica do mundo. Os Estados Unidos ten 80.000 millóns para investir porque sabe que o futuro da enerxía limpa e autosuficiente é esta. Alemaña, co seu problema que ten con Ucraína, pois tamén decidiu facer a terceira parte da potencia europea".

Desde a Asociación Eólica de Galicia apuntan que "estamos nun momento en que se pretende que todo sexa enerxía renovable Estamos nun momento de electrificación da economía. O 65 % de produtos de combustibles estanse a importar e temos un 35 % restante en enerxía renovable. E dese 35 % de enerxía renovable, a metade é eólica e a outra metade hidráulica e doutras fontes. A realidade é que en enerxía primaria, a enerxía eólica cobre arredor dun 15-16 % nada máis. Se imos á enerxía eléctrica, cubriría un 50 %. Pero se imos á totalidade da enerxía, é un 15 %. A tendencia de todos os países é que a electrificación da economía cubra todo, é dicir, que deixemos de depender do petróleo e deixemos de depender do gas, e que todo sexa electricidade".

Manuel Pazo avoga por un pacto pola enerxía en Galicia

"Nós xa temos constituída a mesa de industria e enerxía, onde están UXT, CCOO, o sector da construción que engloba a máis de 2.000 empresas, o sector do metal que engloba a máis de 600 empresas do metal de Galicia e todo o núcleo empresarial de Galicia. Esa mesa está constituída desde hai uns seis meses e todos opinan o mesmo. A solución  é este pacto social, que ten que ser político tamén. O pacto industrial cos sindicatos está feito. Falta o pacto político, que prime dunha vez a vontade do cidadán. Estamos a falar dun problema de saúde pública, de emerxencia climática, de seguridade nacional nun momento xeopolítico importante. Con iso, a renda per cápita será moito maior e se a renda per cápita é maior, a educación, as infraestruturas, a sanidade e as institucións serán sempre as mellores. A enerxía está marcando nestes momentos as tendencias económicas, de emprego, de saúde, de educación, de sanidade e de institucións. En Galicia temos esa oportunidade e temos que aproveitar esa oportunidade", opina.

O presidente da Asociación Eólica de Galicia indica que "unha vez que temos unhas autorizacións administrativas aparecen uns recursos dunhas institucións negacionistas e antisistemas con xustiza gratuíta. Non lles custa nada paralizar un parque. Todo o traballo dun funcionario durante catro, cinco ou seis anos vaise ao tacho porque ese recurso tarda un ano en solucionarse. (...) É unha madeixa que hai que desenredar. Como? a base de normativa ou que se poñan de acordo os tribunais de xustiza. O que ilóxico é que para unha mesma tramitación, en Galicia sexa diferente que en Madrid, Cataluña, País Vasco, Castela e León, Andalucía... ou sexa, que un tribunal interprete de diferente forma a como interpretan outros e que interprete de maneira diferente a como está interpretando un Supremo".

Manuel Pazo di non encontrar explicación á situación do eólico galego. "Botamos as mans á cabeza porque non encontramos que ao mesmo problema que hai aquí, os outros tribunais están resolvendo favorablemente e o Tribunal Supremo tamén. Isto é como enredar un enredo. Dentro da sociedade galega, estes grupos son minoritarios. Hai un enredo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que ninguén entende".

Sobre a eólica mariña, Manuel Pazo subliña que "está a nacer aínda e estase constituíndo unha Mesa [ministerial] para saber como se pode compatibilizar un recurso natural cun recurso industrial. Pero isto é en todo o mundo. Isto vai tardar uns cinco ou seis anos. É un proceso lento. O que non entendo é como xa se pronuncian voces sen ter coñecemento absoluto do que se trata. Parece que dá rendibilidade política. Xa empezamos coa demagoxia outra vez. Sempre buscamos a parte negativa dun proceso industrial, cando nós pensamos que é perfectamente compatible o sector pesqueiro co sector enerxético eólico mariño. Perfectamente compatible e absolutamente necesario. Ao mellor ten que pasar como en Alemaña que cortan o gas e o petróleo e a xente queda sen luz. Hai unha cousa que di Europa: interese público superior. O interese público superior é ou investimos nisto ou quedamos na máis pura e absoluta pobreza, é así, e así fan A China e os Estados Unidos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade