A patronal das gasolineiras cre que o desconto deberían xestionalo as grandes operadoras
A patronal das gasolineiras cre que o desconto deberían xestionalo as grandes operadoras
O presidente da FEGAES estima que son "moito máis fortes" para asumir a rebaixa en orixe
A patronal indica que hai incerteza sobre os adiantos do Goberno a partir do 20 deste mes
O sector das estacións de servizo segue batallando coa incerteza. Entre o 4 e o 5 deste mes comezaron a recibir os anticipos do Goberno para facer fronte ao desconto dos 20 céntimos por litro de combustible, pero aínda non chega a todos.
Ademais, temen que haxa que adiantar cartos de novo, algo que dificultaría a viabilidade das gasolineiras máis pequenas.
"Hai moitísima xente que aínda está esperando e só vai cubrir unha parte, ata o día 20. A partir do día 20 xa nós temos que volver poñer dos nosos cartos para adiantar e hai que esperar para ver que vai pasar, porque só foi un adianto dun mes e agora son tres meses. Non sabemos o que vai pasar", sinala Xulio López Vázquez, presidente da Federación Galega de Estacións de Servizo (FEGAES).
Algunhas estacións de servizo non contaban con liquidez suficiente para adiantar os cartos do desconto e tiveron que adaptar os sistemas informáticos nun tempo récord. De feito, unhas 300 continúan pechadas no conxunto do Estado. En FEGAES sinalan que había alternativas para que a rebaixa dos 20 céntimos non repercutise na parte máis feble.
"Habería outra fórmula moito máis sinxela: non poñelo no máis feble, non poñelo nas gasolineiras, senón poñelo nos operadores e nos distribuidores. Eles puideron xestionar isto directamente, moito máis doado, moito máis correcto. Eran moitos menos e moito máis fortes para poder facer ese desconto", explica Xulio López Vázquez.
Aínda así, en FEGAES estiman que a medida do desconto propiciada polo Goberno "sería estupenda" se se fixese con previsión e máis tempo para as adaptacións necesarias. Ademais, din que é positiva a liña de créditos da Xunta para aquelas gasolineiras máis afectadas polo inevitable adianto de cartos.