A patronal galega percibe un 2024 con "moderado optimismo" para a economía
A patronal galega percibe un 2024 con "moderado optimismo" para a economía
O presidente da CEG prevé unha baixada da inflación e unha redución do crecemento económico
Juan Manuel Vieites considera que o hidroduto é unha cuestión estratéxica para Galicia
O ano 2023 pecha cun balance económico máis ca aceptable en termos xerais e desde a Confederación de Empresarios de Galicia pídenlle ao Goberno central estabilidade para o ano vindeiro, tanto no marco das relacións laborais coma na fiscalidade.
O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, fala dun optimismo con matices para un 2024 que pode ofrecer algunhas facianas contrapostas.
"Parece que vai baixar un pouco a inflación e o produto interior bruto tamén vai baixar un pouco. Ben, moderado optimismo. Os empresarios galegos teñen un montón de proxectos estratéxicos para Galicia xa presentados dentro dalgúns dos PERTE e outros nos next generation; por exemplo, en Meirama, nas Pontes de García Rodríguez, Stellantis en Vigo, etc. Son proxectos de futuro".
Vieites sinala que un dos referentes para o ano próximo é o corredor do hidróxeno verde. Unha cuestión estratéxica que sementou de polémica os dous últimos meses deste ano.
"Necesitamos o hidroduto, que Galicia estea no corredor do hidróxeno. Necesitamos unha conexión do Atlántico noroeste co corredor para que chegue aos portos e que, por tanto, as empresas poidan sacar de maneira competitiva as súas mercadorías".
Un clásico das queixas empresariais é o absentismo laboral. Indican que xerou unhas perdas de 25.000 millóns de euros en todo o Estado nos primeiros dez meses do ano e que cómpre reverter a situación.