Publicador de contidos
Publicador de contidos

A pena máxima do delito de sedición baixará de 15 a 5 anos

A pena máxima do delito de sedición baixará de 15 a 5 anos

O delito desaparece e pasa a denominarse "desordes públicas agravadas", cun máximo de oito anos de inhabilitación, segundo anunciou Patxi López ao rexistrar a proposición de lei no Congreso xunto a Unidas Podemos: "O PSOE fai política aínda que lle custe votos"

O PP, CS e Vox acusan a Sánchez de traizón e de ceder as chantaxes dos independentistas

Aragonès: A derrogación da sedición abre camiño para resolver o conflito

Patxi López e Jaume Asens rexistran no Congreso a reforma do delito de sedición (EFE/ Chema Moya)
G24.gal 11/11/2022 10:00 Última actualización 11/11/2022 15:07

A proposición de lei do grupo socialista e Unidas Podemos presentada este venres no Congreso rebaixa de 15 a cinco anos a pena máxima de prisión do delito de sedición, que desaparece e pasa a denominarse "desordes públicas agravadas", cun máximo de oito anos de inhabilitación.

En conferencia de prensa no Congreso antes de rexistrar a iniciativa, o portavoz parlamentario do PSOE, Patxi López, recalcou que a reforma persegue modificar un delito de sedición que tiña 200 anos e preferiu falar de "europeizar" no canto de suprimir o seu contido.

Segundo as súas palabras, é unha reforma "de sentido común" que "axudará" aos xuíces, entre quen se abriu "un enorme debate xurídico" sobre os tipos que había que aplicar aos líderes independentistas cataláns, e coa que se mellorará a cooperación xudicial internacional xa que cun delito homologable ao doutros países europeos "non volverá haber santuarios" para quen atente contra a orde pública.

Fixo así alusión ás erradas ordes de extradición emitidas pola Xustiza española para poder xulgar aos dirixentes independentistas fuxidos. E deixou claro que se o expresident da Generalitat Carles Puigdemont regresa a España "será xulgado".

Segundo a proposta de reforma do Código penal anunciada por López, cometerán un delito de desordes públicas agravado, con pena de tres a cinco anos de prisión e inhabilitación para emprego ou cargo público, quen con violencia e intimidación ou no seo dunha multitude alteren a orde pública e impidan a aplicación de leis ou resolucións xudiciais. Se o delito o cometen autoridades, a pena de inhabilitación absoluta alcanzará os oito anos.

Patxi López insistiu no obxectivo de corrixir tipos penais que son "inexistentes na maioría dos países da Unión Europea así como penas desproporcionadas en relación ás que se aplican nos países veciños e que xeran disfuncións á hora de cooperar xudicialmente".

O PSOE ve agora maioría política para reformar o delito canto antes

O portavoz do PSOE no Congreso incidiu en que o Goberno ve agora maioría suficiente no Parlamento para aprobalo e confiou en que sexa "canto antes". "Este é o PSOE que sabe facer política para mellorar a vida dos cidadáns aínda que lle custe votos", dixo López, quen recalcou que os votantes socialistas serán capaces de "entender o que estamos a facer, o por que e os resultados".

"Non só cambiamos a definición do delito de sedición senón que facemos política pola convivencia en Cataluña", reivindicou tras confirmar que mantiveron conversacións cos partidos socios de investidura. 

Primeiras fendas no PSOE

Non tardaron en sair voces criticas dende os baróns socialistas a esta decisión do Goberno.: O presidente de Aragón, Javier Lambán, dixo estar en contra da reforma e considera que os feitos acontecido en Cataluña no 2017 foron gravisismos e que a resposta do Goberno naquel momento foi axustada: "Non me gusta nada do que lle gusta ao independentismo". 

Moi contundente foi tamén o presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García-Page, quen tras deixar patente que non comparte a proposta lanzada por Sánchez manifestou que "en plena escalada de prezos, o único que se vai a abaratar é o ataque á Constitución".

Unidas Podemos cre que se gaña en democracia e prestixio

 O presidente do grupo parlamentario de Unidas Podemos, Jaume Asens, aplaudiu que o seu socio socialista apoie finalmente a derrogación do delito de sedición, que reclamaban desde fai tres anos, porque se trata dun delito "predemocrático" e coa súa eliminación "se gaña en calidade democrática e prestixio internacional".

Asens insistiu en que era un paso inevitable para abordar en Cataluña o conflito aberto desde que "a dereita política e xudicial" se posicionaron en contra do Estatut, subliñando que non se trata de "unha traizón nin unha humillación a España como di a dereita, isto é democracia e equipararnos con Europa". 

Feijóo tacha de irresponsable e inxenuo a Sánchez por ceder ao separatismo

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, denunciou este venres a "irresponsabilidade" e "inxenuidade" do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, pola súa decisión de derrogar o delito de sedición "da man dos condenados" e advertiu de que o independentismo "nunca, xamais, se conforma".

"Sinto ter razón en que Sánchez pon sempre o seu interese político por encima do de España", lamentou Feijóo nas redes sociais, nas que se mostrou convencido de que "hai unha maioría social que non acepta máis mentiras deste Goberno nin máis chantaxes do independentismo".

Rueda: "Sánchez está disposto a calquera cousa con tal de seguir no poder"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, considera que a reforma do Código Penal para derrogar o delito de sedición é unha mostra de que o presidente do Goberno "está disposto a calquera cousa con tal de seguir no poder uns meses máis".

O mandatario galego insistiu en que "non se entende" esta decisión se non é unha "mostra de ata onde pode chegar" Sánchez para que tanto el como "os seus socios" continúen "no poder".  

"Resulta que agora os que cometeron o delito e non mostraron ningún arrepentimento son os que van participar na súa modulación para que se agora queren volver cometelo, que lles resulte moito máis fácil", resumiu Rueda.

Aragonès: A derrogación da sedición abre camiño para resolver o conflito

O presidente da Generalitat, Pere Aragonès, asegurou este venres que a "derrogación" do delito de sedición permite avanzar cara ao "fin da represión" sobre o movemento independentista e supón un "paso adiante no camiño da resolución do conflito político" entre Cataluña e o Estado.

O presidente catalán celebra o "acordo" alcanzado co Goberno para "eliminar o principal delito polo que foron condenados" a prisión nove líderes independentistas polo referendo unilateral do 1 de outubro de 2017. Este "acordo", destacou, permite "profundar no proceso de desxudicialización" xa que supón unha "mellora para o conxunto das persoas represaliadas".

"Coa derrogación da sedición é máis difícil perseguir inxusta e arbitrariamente ao movemento independentista", celebrou, aínda que recoñeceu que aínda "queda camiño por percorrer" ata a "completa desxudicialización do conflito", sen renunciar á amnistía.

Con todo, Carles Puigdemont non ve beneficio político e as rebaixas das penas das que si se beneficiaría seguen, asegura o expresidente, criminalizando un dereito en referencia ao referendo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade