A plataforma de transportistas suspende o paro temporalmente
A plataforma de transportistas suspende o paro temporalmente
O voceiro, Manuel Hernández, advirte de que é unha tregua para organizarse
Farán un seguimento para que os operadores non impoñan prezos abusivos
A plataforma de transportistas suspende temporalmente o paro que mantiña desde hai 20 días. Aseguran que é unha tregua, un punto e seguido para reorganizarse, á espera da norma anunciada polo Goberno para dentro de tres meses, que prohibirá contratar a perdas.
O voceiro da Plataforma de Defensa do Sector do Transporte, que representa a transportistas autónomos e pemes, cre que despois de vinte días de paro sería unha irresponsabilidade manter unha protesta que prexudica gravemente a toda a sociedade e a sectores como a agro, a gandería e a pesca. Esta suspensión é, di Manuel Hernández, un voto de confianza ao Goberno e tamén, aos operadores, que se comprometeron cos cargadores industriais a non contratar a perdas.
"Para que me entendades, se o ministerio nos pide tres meses e os operadores, aínda que non exista esa lei, mostran vontade de dar un prezo digno no transporte, poderemos aguantar eses tres meses, pero se a vontade dos operadores non é a axeitada, e non é a suficiente para poder traballar, pois efectivamente, antes deses tres meses o sector volverá parar"
A partir de agora, esta plataforma intentará organizarse e estruturarse nas provincias para conseguir que as súas peticións sexan atendidas.
"Deben saber que a plataforma non abandona a ninguén, imos seguir traballando, organizándonos, imos demostrar con feitos evidentes que si que representamos a maioría do sector.
A decisión de suspender o paro tomouse nunha asemblea celebrada este mesmo sábado e á que acudiron un cento de transportistas de toda España.
"Porque moitos compañeiros non poden aguantar estar tanto tempo parados e hai que ser solidarios con eles" "Pero isto non acabou, isto vai continuar e cada vez máis forte"
As protestas dos transportistas comezaron a reducirse tras o acordo ao que chegaron o Goberno e Comité Nacional do Transporte por Estrada, acordo que esta plataforma rexeitou. Mantivo a convocatoria do paro ata chegar a esta suspensión temporal.