A poboación migrante, man de obra da construción galega, un exemplo en Carballo
A empresa Hermanos Barbeira ten tantos traballadores cubanos coma galegos no seu cadro de persoal
Contratar poboación de fóra a miúdo require trámites extralaborais para que os traballadores accedan a unha vivenda e teñan os permisos necesarios
Atopar man de obra para a construción é tarefa complicada para moitos empresarios do sector que desde hai anos incorporan poboación migrante ao seu cadro de persoal. Sábeo David Barbeira, un construtor de Santa Comba, que ten once traballadores na súa empresa, seis deles cubanos e un colombiano.
Foi unha coincidencia a que fixo que David Barbeira contratase o seu primeiro empregado cubano
"Foi no ximnasio ao que vou onde un rapaz novo cubano me pediu traballo. Collino, a experiencia foi moi boa e a raíz de aí persoas cubanas que ían chegando e querían traballar fóronse incorporando. Eu probaba como traballaban e fun xerando un vínculo coa comunidade cubana. Desde iso a miña empresa xa case é máis cubana ca galega".
Despois desa experiencia viñeron outras contratacións desde Galicia para albaneis e peóns que estaban aínda en Cuba.
"O máis complicado é o tema burocrático. Hai que presentar solicitudes en varias estancias, pasar polo SEPE, ir a Estranxeiría. Aquí máis ou menos iso xa se está axilizando porque saben da carencia que hai, pero cando chegamos aos países de orixe, neste caso Cuba, a burocracia é tremenda", asegura David Barbeira
Hai outras xestións que non son laborais nas que David participa para que familias como a de Joaquín González poidan establecerse aquí e ter onde vivir.
"Para un alugueiro pídenlle un ano de contrato de traballo. Se vén de Cuba e chega aquí, non ten un contrato dese tempo. Eu para contratalos preciso que teñan residencia porque senón non os podo contratar, e entón adiántolles eu os cartos dos avais de alugueiro. Cando eles empezan a cobrar e teñen nómina xa eles quedan ao cargo da súa vivenda", di o construtor.
Insiste na necesidade de crear unha sociedade libre de prexuízos, tamén no laboral.
Somos emigrantes, que os nosos pais e avós tiveron que marchar de aquí, e é curioso o que nos custa acoller a xente que vén de fóra, como se fosen un perigo cara a nós porque nos van quitar o traballo. Non, esta xente o que vén é aquí traballar, intentar integrarse na sociedade e colaborar como calquera galego que estamos aquí, vamos".